Co pai, de Xosé Neira Vilas

Co pai, de Xosé Neira Vilas

Co-paiXosé Neira Vilas

Co pai

Galaxia, Vigo, 92 páxinas, 11,70 €, 2019

 

Sempre resulta un pracer ler calquera libro de Xosé Neira Vilas e aínda máis se temos a fortuna de facelo en forma dun inédito ata agora como é este libro de relatos titulado Co pai. Editado baixo a responsabilidade da profesora Dolores Vilavedra, que subscribe ao tempo un interesante prólogo, sitúase no ronsel desa triloxía composta por Lar, Nai e Pan, que se editou nun libro independente baixo o título de Charamuscas no ano 1993.

Tal e como nos informa a editora do volume, Neira Vilas decidiu no ano 2000 escribir unha serie de prosas que finalmente titularía Co pai por certo receo do autor a personalizar os relatos nunha clave máis íntima. Desta maneira,  as pequenas pezas que o constitúen -vinte e cinco en total- están redactadas desde unha perspectiva abeirada ao confesional pero sempre coa figura paterna para adquirir así certo distanciamento coa materia narrada. Figura, a do pai, tratada por outra parte con exquisitez, cun procurado equilibrio memorialístico que abala entre a intensidade emocional e a obxectividade que xa se reflectía en Charamuscas.

Neste caso, os textos reflicten as vivencias comúns que compartiu coa figura paterna antes da súa marcha a Arxentina e que, case sempre, están vinculadas cos traballos agrarios e coas angueiras domésticas. Dun ou doutro xeito o certo é que a prosa de Neira brilla, como adoito, nestas páxinas cunha riqueza lingüísticas e expresiva destacable e na que o criterio da brevidade e da síntese, do puimento continuo da materia narrativa, adquire un ineludible protagonismo na liña das célebres Cousas de Castelao, como tamén destaca ese lóxico diálogo inmanente destas pezas narrativas con outras xa coñecidas do autor.

O libro conclúe cun interesante epílogo de Neira e un breve apéndice fotográfico que ilumina expresivamente esta edición. Ter nas mans este Co pai significa tamén reencontrarse e non esquecer un autor grande e senlleiro. Parabéns pola iniciativa.

Source: Caderno da crítica

2019-07-17T13:55:18+00:00 17 / 07 / 2019|Caderno da crítica|