Centenario da homenaxe de Cántigas da Terra a Pascual Veiga

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/Centenario da homenaxe de Cántigas da Terra a Pascual Veiga

Centenario da homenaxe de Cántigas da Terra a Pascual Veiga

O 22 de outubro de 2017 Cántigas da Terra volve a Mondoñedo para facer memoria do que pasou na mesma data de hai cen anos cando os coruñeses acudiron render homenaxe a Pascual Veiga. O autor da Alborada e do Himno era considerado polas Irmandades da Fala, en palabras de Lois Peña Novo “o precursor do despertar galego e de que Galicia deixe de considerarse irredenta”.

Cántigas da Terra, un coro centenario

Homenaxe a Veiga no Cemiterio de Mondoñedo (23.10.1917) (Arquivo Cántigas da Terra)

Homenaxe a Veiga no Cemiterio de Mondoñedo (23.10.1917) (Arquivo Cántigas da Terra)

O coro galego Cántigas da Terra fundouse na cidade da Coruña o 28 de decembro de 1916. A estrea diante o público tivo lugar no Teatro Rosalía de Castro da mesma cidade o 12 de xullo de 1917. Desde entón ofreceu centos, quizais milleiros de actuacións por todas as xeografías do mundo onde ardese a nostalxia da terra. Como é natural en cen anos a historia de Cántigas sufriu altibaixos pero aí está, puxante e imprescindible a súa angueira. Cántigas segue sendo un proxecto vivo que ao abeiro do ideario fundacional das Irmandades da Fala procurou, e nese empeño segue, recompilacións e recreacións (velaí o seu magnífico arquivo) de varias disciplinas (voces, instrumentos, baile, vestiario, teatro) para salvagardar e divulgar o lévedo da nosa cultura popular tradicional. Os numerosos galardóns e recoñecementos que mereceu ao longo destes cen anos, o máis recente a Medalla Castelao por parte da Xunta de Galicia en 2016, confirman esa excelencia.

Hai cen anos

A expedición de Cántigas da Terra, co presidente Eladio Rodríguez á fronte, sae da Coruña na mañanciña do luns, 22 de outubro de 1917. Fan parada en Vilalba, onde xantan e ofrecen un breve concerto en agradecemento ao exquisito trato recibido. Acompáñaos o avogado vilalbés Lois Peña Novo, secretario da Irmandade da Coruña, quen imparte unha conferencia sobre rexionalismo no Centro de Artesáns.

Mondoñedo estaba preparado para acollelos como visitantes distinguidos. O alcalde, Ramón Martínez de Ínsua, pubicitara un bando convidando á veciñanza a participar na recepción,  que tería lugar no Campo dos Remedios sobre as cinco e media da tarde.

Vivas e bombas estouran ao unísono. Xunto coas autoridades, membros da comisión organizadora e numeroso público acoden darlles a benvida a Banda Municipal, os orfeóns Veiga e Brisas del Masma e o cuarteto Os Pacheco. E tras os saúdos de rigor fórmase unha comitiva, que desfila baixo os balcóns adornados con colgaduras, que conduce aos ilustres visitantes ata o Casino. No traxecto repártense entre o público copias de dúas follas de benvida, unha en castelán e outra en galego: “Ä enxebre coleutividá Cántigas da Terra”.

Concerto no Casino

Son as dez da noite e no Salón Teatro do Casino non colle unha agulla. Ademais dos naturais e residentes veñen veciños de Vilalba, Lourenzá, Foz, Valadouro … Comézase o acto coa lectura dunha mensaxe que o entón alcalde da Coruña, Carlos Puga Pequeño, lle envía ao de Mondoñedo. A continuación recítase un poema composto polo presidente de Cántigas, Eladio Rodríguez, que describe o entusiasmo fundacional do coro: “Un fato de rapaces / amigos de ruadas e de festas / quixo tamén demostrarnos que Galicia / é un pobo dos máis ricos da terra”.

Segundo informa o xornal Mondoñedo o día 25, Cántigas interpreta numerosos temas populares, todos moi aplaudidos, e o que entón é coñecido como “Himno Regional”.

Homenaxe a Veiga no Cemiterio Municipal

Ao día seguinte, martes 23, soa a gaita de mañanciña e algunhas voces do coro espertan a “distinguidos vecinos con alegres notas de variadísimas alboradas”.

Ás once reúnese no salón de actos da casa consistorial (entón na Alcántara) unha ampla representación de cargos militares, relixiosos, civís e xudiciais, xunto cun grupo de próceres entre os que estaban directores de xornais e presidentes de sociedades.

A comitiva, que desfila ordenadamente polas rúas mindonienses acompañada de numeroso público, chega ao cemiterio e rodea o mausoleo de Veiga. Sobre o mármore colócanse dúas coroas, unha agasallo de Cántigas e outra do concello de Mondoñedo.

A continuación, e por esta orde, fan uso da palabra o presidente de Cántigas da Terra, o alcalde de Mondoñedo e Peña Novo, único que se expresa en galego. César González-Seco le un texto de adhesión enviado polo médico José Rodríguez Martínez, “Médico Rodríguez”, vello amigo de Veiga. Como anécdota diremos que o encargado da lectura omitiu unhas palabras (xustificándoo por estaren nun cemiterio católico diante de autoridades eclesiásticas) aínda que “por honradez profesional” publicou o texto íntegro no xornal que el mesmo dirixía.

A peticións dos asistentes tamén falou o xuíz, coruñés de orixe entón destinado en Mondoñedo, Fernando Pérez Fontán. Este home e a súa muller falecerían ao ano seguinte en Burgos, vítimas da chamada “gripe española”.

Cun responso e a interpretación do Himno por parte de Cántigas púxose o ramo a tan emotiva cerimonia.

Festa galega na despedida

No resto da xornada aos membros de Cántigas visitaron e cantaron no Seminario e no Cantón, e pola tardiña no Campo dos Remedios xunto coas agrupacións locais.

Os Pacheco, Orfeón Veiga, Brisas del Masma e Cántigas da Terra competiron amigablemente, peza a peza, alentados polos aplausos do público congregado ata que a presenza dunha néboa pingona ordenou recoller e preparar o retorno.

Sobre as doce da noite “entre vítores, antorchas y bengalas” o auto pon rumbo á Coruña, a onde chegarían ás oito da mañá do día seguinte.

Nas crónicas xornalísticas posteriores menciónanse os telegramas de agradecemento a Mondoñedo. Os principais xornais da época El Noroeste, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia publican extensas crónicas eloxiosas sobre o acontecido.

Como proba de que Cántigas da Terra se guía desde os seus inicios polos principios dos bos e xenerosos, El Noroeste publica o 21 de novembro unha nota detallando os custos daquela viaxe a Mondoñedo. Os ingresos sumaban 1.055 pesetas con 20 céntimos e os gastos, 793 pesetas con 20 céntimos. As 262 pesetas de superávit non as quixeron recoller “porque la excursión, dada su finalidad, no tuvo ni podía tener carácter lucrativo”. Así que 100 pesetas quedaron no Hospital de San Pablo, outras tantas no asilo e as 62 restantes repartidas entre os pobres mindonienses.

Cántigas da Terra honrou a Veiga e a Mondoñedo! Sempre grazas!

©Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2017-10-18T09:18:27+00:00 18 / 10 / 2017|Caderno de campo|