Celso Emilio: corenta cabodano

Celso Emilio: corenta cabodano

100_cef-505x252

 

Hai corenta anos, pouco antes da medianoite dun día coma hoxe, Celso Emilio confesaba atoparse mal: unha hemorraxia cerebral acababa  coa súa vida e, naquel xusto momento, sen que el o sospeitase, comezaba algo tan importante, en todas as ordes, como era pór as bases do que outras persoas deben facer para cultivar a memoria, neste caso a dun poeta que sempre axuda a mellor entender o mundo.

Teño para min que non está de máis evocar o seu legado malia que, ata onde eu sei, non se organizou para conmemorar a data ningún tipo de acto, mais talvez Celso Emilio, alleo sempre a barafundas, gustaría que así fose. Un legado contido na vixencia e vitalidade que proxecta a súa obra literaria: unha das máis musicadas entre nós o que, se cadra, explica que moitas xeracións coñezan máis a súa poesía por “oíla” que por lela. Mais dun ou doutro xeito, dificilmente se entende a poesía galega de hoxe sen a transparencia das mensaxes cifradas nos valores da liberdade e da xustiza, na defensa da nosa identidade ou na procura insistente da esperanza que latexan en Longa noite de pedra -metáfora afortunada dos corenta anos da ditadura franquista tan citada nos últimos tempos-, en Viaxe ao país dos ananos ou nese libro que anunciou un cambio de rumbo da nosa poesía nos setenta como foi Onde o mundo se chama Celanova.

Nun incompleto balance do ocorrido desde a súa morte ata hoxe cómpre ser optimistas: sen dúbida déronse pasos adiante neste período, en moitas ocasións grazas ao labor discreto da Fundación homónima que preserva a súa memoria, mais falta avanzar noutras frontes, como a xornalística, ou dar a coñecer, como creo que se fará en breve, a obra poética inédita que escribiu ao longo da guerra civil. Na convicción de seguir transitando por este camiño ler hoxe a Celso Emilio segue a ser un acto de rebeldía,  non desatender nunca o lume que alampea unha obriga moral.

 

Este artigo, cunha leve modificación, publicouse na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 30 de agosto de 2019.

Source: Caderno da crítica

2019-08-31T09:45:38+00:00 31 / 08 / 2019|Caderno da crítica|