CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXIV): "Sementes viaxeiras", de Yolanda Castaño

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXIV): "Sementes viaxeiras", de Yolanda Castaño

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXIV): "Sementes viaxeiras", de Yolanda Castaño

                           YOLANDA CASTAÑO  (Santiago de Compostela, 1977)



Dixéronme unha vez que estaban quietas as plantas,
que ficaban toda a vida no mesmo lugar
mais, estade moi atentos e eu heivos contar
as viaxes tan incribles que fan algunhas cantas.

Buscan estabilidade cando son maduras,
instálanse nun sitio e alí botan raíces.
Yolanda Castaño (De versogramas.com)

Sen moitas aventuras conseguen ser felices,

os seus talos e pólas medran tesas e duras.

Pero cando son sementes coa vida por diante
aprenden que, ás veces, as cousas son complicadas
e poden resultar un chisquiño máis doadas
baixo o ceo tan azul dunha terra distante.

Por terra, mar e aire as sementiñas viaxeiras
lánzanse na procura de novos horizontes.
Buscan un fogar por entre as fragas e montes,
búscano avanzando ben dispostas e lixeiras.
————————————————————–

Hainas que prefiren as viaxes aéreas;
para marcharen lonxe, elas confían no vento
e así conseguen salvar o seu desprazamento
equipadas de ás e estruturas etéreas.
Así fai a sementiña do alto piñeiro:
sae da súa piña e, logo, guíndase alá!
Din que se chama sámara a súa única á,
pero élle dabondo para un salto lixeiro.
Outras gardan o seu truco mellor nas recámaras:
parece un helicóptero a semente do alerce!
De dúas en dúas, en canto chimpan do berce
semellan unha hélice se xuntan as sámaras.
Pero hai outras que son, se cadra, máis abraiantes
e baixan como planando das pólas ao chan.
Son as que se desprenden do umeiro e logo van
igual ca se fosen ovnis ou pratos voantes.
———————————————————————
Outras, no canto de viaxar a lombos dos bechos,
parece que se sentisen moito máis seguras
en vez de por fóra, dentro deles e ás escuras,
igual ca quen é transportado cos ollos pechos.

Confía a boa oliveira no voo do estorniño.
A ese paxaro tan ben lle saben as olivas
que xa anda a devecer polas grandes e as cativas
cada mañá que sae a voar dende o seu niño.
Tamén para moitísimos tipos de paxaro
os froitos do teixo resultan apetitosos.
Chámanlles arilos, son vermellos e carnosos.
Que os leven na barriga a ninguén se lle fai raro!
(Do libro Sementes viaxeiras, editado por Edicións Embora, 2019)

Source: Versos e Aloumiños

2019-08-08T19:44:00+00:00 08 / 08 / 2019|Versos e aloumiños|