CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXI) "Os días lebre", de Clara López

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXI) "Os días lebre", de Clara López

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXI) "Os días lebre", de Clara López

                                         CLARA LÓPEZ (Areas de Tui, 1968)

Sentar a perder a guerra

O meu avó Hermenexildo cando foi maior,
volveuse soldado.
Clara López
E despois, coas súas guerras, foi ao ceo,
ou a Madagascar,
non me dixo onde,
e mira que lle gustaba contarme as cousas
como se fosen de chocolate,
cheas de pausas e de anacos,
a onzas, mesmo as guerras.
Nunha das súas batallas perdeu un brazo,
e despois co tempo, a memoria,
mais as guerras sabíaas enteiras,
non as perdía nunca,
e contábachas unha vez,
e outra vez,
e outra,
coma se fosen mentira.
Demo
Odio que os días leven nome,
tamén en inglés,
e que os teña que saber,
e en orde.
Agardo unha guerra de días,
que se rebelen,
se confundan,
se disparen,
se disipen,
se comparen,
e se vexan,
como son,
todos,
outra vez,
exactamente,
iguais.

Para sentar un sentimento

Sentímolo mais,
para sentar un sentimento,
hai que buscar un día,
e saber
Ilustración de Marcos Viso
que os sentimentos son voadores,
pequenos paxaros ou insectos,
e que o mellor momento para sentalos
é cando se pousan.
Hai que facelo con moito tento,
escorregando os pincéis
coma lapis,
coma dedos,
intentando pintalos
ou escribilos.
Pintado ou escrito,
un sentimento é inofensivo,
coma un pemento.
Pero se te equivocas,
e non o sentas,
e o sentes,
vólvese moi perigoso,
máis cá selva ou ca unha bomba,
pois estoura ou roxe,
directamente ao corazón.

(Do libro Os días lebre, editado por Kalandraka Editora, 2017)


Source: Versos e Aloumiños

2017-08-12T20:22:00+00:00 12 / 08 / 2017|Versos e aloumiños|