Carlos Casares: os últimos agasallos

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Carlos Casares: os últimos agasallos

Carlos Casares: os últimos agasallos

Carlos Casares

Tal día como hoxe, o 9 de marzo de 2002, finaba en Nigrán Carlos Casares, un dos grandes contadores de historias da literatura galega; os escritor ao que lle está dedicado o Día das Letras Galegas deste ano. Non se ía, porén, a súa memoria porque a súa obra permanece viva entre nós.

En lembranza da persoa e do escritor, reproduzo unha breve ollada que sobre Carlos Casares publiquei o día 18 de marzo de 2002, no Suplemento “Correo das Culturas” do xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela:

Os últimos agasallos”

En espera desa súa derradeira novela, O sol de verán, xa impresa e que nos din que estará publicada a finais deste mes, os últimos agasallos de Carlos Casares foron a biografía do padre Sarmiento, unha das moitas que saíron da súa pluma, rematada de imprentar o pasado día 5 de decembro, e unha carta coa súa sinatura na que o director de Galaxia lles expresaba aos amigos da editora os seus desexos de que o ano 2002 fose o máis venturoso posible. O escrito de Carlos Casares acompañaba a un dos minilibros de Galaxia, en concreto á pequena biografía de Fermín Penzol, escrita por Ramón Piñeiro.

Xa non volveremos recibir máis agasallos asinados por este grande admirador de Vicente Risco e de Ramón Piñeiro, e un dos grandes nomes da literatura galega. Quédannos as súas obras, a mellor maneira de perpetuarse, de vivir no corazón e na mente dos lectores. Dalgunha delas falamos no seu día nas páxinas dos xornais desta casa. A última, Un país de palabras (1998).

Como homenaxe modesta e insignificante  a un dos mestres da arte da narración, rescatamos algunhas das liñas do que no seu día, o 11 de febreiro de 1999, escribimos verbo do libro de Casares: “Non deixa de ser sorprendente que un libro coma este, de difícil catalogación e sen o apoio dunha especial campaña promocional, se manteña semana tras semana no primeiro posto das listas das vendas dos libros galegos. Chocante pero estimulante ao mesmo tempo, porque unha obra que non é narrativa no sentido rigoroso, gáñalles a partida a aqueloutras máis literarias, de creación de mundos ficcionais…” Un país de palabras é unha miscelánea milagreira porque, case de xeito taumatúrxico, o autor é capaz de xuntar en perfecta harmonía unha chea de cousas.

Mestura doutrina e ensaio literario serio, aínda que rebaixado e alixeirado, como ten de ser, coas anécdotas, con esa fervenza de anécdotas que abrollan na memoria ou no maxín do escritor, con inesperada/esperada habelencia e con esa facilidade para converter en verosímiles os produtos da capacidade fabuladora, as historias certas ou non, que isto tanto ten, tornadas en verdadeiras que o autor lle atribúe á facultade  narradora do amigo Basilio Losada. “Carlos Casares sempre escribe contando. Narracións claras e diáfanas, nunha linguaxe sinxela, pero pulida e cunha sintaxe afastada de calquera complexidade, fan deste libro un pequeno prodixio de comunicación”.

Iso foi o que daquela dixemos. Algo semellante reiterámolo hoxe sobre a obra enteira do narrador recentemente fenecido”

Source: NOVENOITES

2017-05-19T09:25:06+00:00 09 / 03 / 2017|Novenoites|