Cántiga Valente

Cántiga Valente

Dicir José Ángel Valente é dicir a mellor poesía española da segunda metade do século XX. Pero o que moitas veces se esquece —máis das que se debería— é que o escritor ourensán foi tamén poeta en galego e que o foi, ademais, desde a primeira hora.

Cando practicamente ninguén en Galicia publicaba versos en galego xa Valente cultivaba as nosas musas. En 1947, coa espada franquista da censura represora afiada ao extremo, aquel mozo de apenas dezaoito anos publicaba nas páxinas do vespertino santiagués La Noche o poema “Finisterre”: “Polos meus ollos romeiros/ páxaros buscan o mar./ Finisterre chan extremo/ beizo de escuma e de sal”.

O mar romeiro foi para el a emigración, primeiro como estudante en Madrid e logo como profesor na Universidade de Oxford, tradutor na OMS en Xenebra e na UNESCO en París, para, finalmente, vivir o xubileu por Almería. Máis nunca volveu residir en Galicia. Esa distancia física, ese estar lonxe da veciñanza súa, favoreceu a demora de novas entregas poéticas en galego, pero non a influencia da nosa tradición literaria nos versos casteláns que foi publicando ao longo dos anos, como pode comprobarse, poño por caso, na dedicatoria a Rosalía de “La poesía”, un texto de Breve son (1968), ou na centralidade desta na composición “Orillas del Sar”, incluída no seu poemario póstumo Fragmentos de un libro futuro (2000).

Este radical sentimento de pertenza fixo que, tras unha conferencia sobre Alfonso X O Sabio pronunciada na sociedade suíza A Nosa Galiza (que el axudou a cofundar) para celebrar o Día das Letras Galegas dedicado en 1980 ao rei trobador, nacese en Valente a necesidade de establecer un fío de conexión poética coa nosa lírica medieval e escribise a primeira versión das Sete cántigas de alén, que publicou en 1981 Ediciós do Castro con prólogo de Xesús Alonso Montero.

Tras aquela primeira edición viñeron outras tres revisadas e aumentadas (1987, 1989 e 1996), todas elas prologadas por Claudio Rodríguez Fer, un dos máis grandes especialistas valentianos e tamén o poeta galego ao que se sentiu máis unido por lazos de amizade.

Precisamente este escritor lugués é tamén o responsable e excelente prologuista da máis recente edición das Cántigas de alén, que acaba de tirar do prelo Ouvirmos. O volume, moi ben deseñado, reúne por vez primeira toda a produción poética en galego de Valente, tanto as sete cantigas aparecidas en 1981 como a ducia engadida posteriormente e mesmo dous textos de prosa poética.

O resultado é que, amais dos versos xa coñecidos que agora se poñen por xunto, esta nova edición suma tamén o poema “Na mar de Vigo” —nunca antes recollido en libro— e unha dedicatoria inédita á composición “Sub nocte”: “Para os irmáns da emigración, para Nosa Galiza e para que Galiza sexa tamén nosa”.

A lectura do conxunto da lírica galega de Valente disuade dun tópico demasiado estendido que tende a colocar a súa escrita nesta lingua nun degrau inferior á que produciu en castelán. Hai aquí versos que son, obxectivamente, un achado, imaxes e harmónicos que amosan a alta poética da que o autor era capaz en calquera das dúas linguas e, por máis que a excelencia da súa obra en español sexa dun fulgor case que inalcanzable para calquera, faltaríase á xustiza se non se recoñecese a valía desta escrita galega, inequivocamente tradeada de símbolos, alusións e evocacións que ancoran na máis xenuína raiceira cultural de noso.

Cómpre volver á lectura destas Cántigas de alén. Nos seus versos recoñécese a incandescencia da voz do intemporal e a inmanencia do existente radicado que o poeta proclamou como punto cero do ser: “Voltei. Nunca partira./ Afastarme soamente foi o xeito/ de ficar para sempre”.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 23-4-2017]

Source: Criticalia

2017-09-10T17:35:49+00:00 10 / 09 / 2017|Criticalia|