Campo do Fragoso CCXX

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Brétemas/Campo do Fragoso CCXX

Campo do Fragoso CCXX

IMPOTENCIA

O Celta de Felipe Miñambres deu onte moi escasos sinais de melloría da súa grave doenza deportiva. Tras a mudanza no banco de Miguel Cardoso por Fran Escribá, o Celta presentouse aparentemente máis compacto e ordenado, pero tamén incapaz de estar á altura competitiva do Real Betis Balompié que en Balaídos recuperou a autoestima e tantos azos perdidos tras as súa recente e dolorosa eliminación da Europa League e a derrota da semifinal de copa. Cunha nova derrota (5 puntos de 36 posibles nos tres últimos meses) o Celta de Miñambres afonda na peor crise deportiva da década deixando a bancada celeste sumida na desolación e cada vez con menos esperanzas de remontada. Ou como resumiu onte de forma rotunda o noso admirado Alejandro Costas Vila, fundador da Peña Celtista Centolos Celestes, no seu perfil de Twitter: «partido plano, día gris, futuro negro».

Tras os experimentos con Antonio Mohamed e Miguel Cardoso, dous técnicos simpáticos e moi faladeiros, que compartían a súa inxenuidade co seu descoñecemento da liga española e do carácter case centenario do Celta de Vigo, e sobre todo tras os rídiculos co Levante e co Eibar, a Miñambres, imaxinamos que contando co apoio do director xeral Antonio Chaves, non lle quedou outra que contratar a Fran Escribá para pilotar o dificil proxecto de salvación deste equipo desorientado e impotente. Unha contratación recibida polo celtismo con esperanzas por tratarse dun técnico estudoso e bo coñecedor da categoría, sendo para moitos a que semellaba a primeira decisión sensata dos responsables do clube dende a lamentable marcha do cadro técnico de Eduardo Berizzo.

Porén, tras a clara derrota co Betis de Quique Setién, os alentos e esperanzas nosas moito amainaron, xa que as mudanzas introducidas polo técnico valenciano foron apenas de matiz, colocando dúas liñas de catro e catro para defender, que se transformaban nun rombo cando o Celta atacaba no campo bético, conseguindo así xuntar as liñas nun equipo aparentemente máis ordenado e contido. Un esquema no que Escribá apenas introducía mudanzas con respecto aos ensaios dos seus predecesores, tanto na composición do cadro inicial, no que o máis novidoso foi a incorporación do ex-bético Boudebouz como media punta, detrás de Maxi, como da propia convocatoria na que continuaron quedando fóra o «castigado» Radoja, a carísima promesa turca Emre Mor e Olaza e «o fantasma de River». Un esquema que durante a primeira parte serviu  para que un equipo moi prudente contemporizase co bético, aínda que fose incapaz de xerar algunha xogada combinada finalizada cun xute ou unha cabezada entre os tres paos. Con todo, nos minutos finais da primeira parte pode reseñarse algunha xogada atacante celeste, se por tal entendemos un remate moi alto de Brais, un xute de Maxi e outro de Boudebouz. E aí quedou o balance ofensivo celeste de noventa minutos.

Tras a reanudación, os de Setién que aburriron coa súa posesión improdutiva toda a primeira sesión, foron a polo partido. E para iso abondoulles que os seus centrocampistas, Canales, Lo Celso e Carvalho, ampliasen o campo polas bandas, procurando a profundidade do seus estremos. Escrivá xuntou máis as dúas liñas e confiou que os patadóns de Rubén sobre Maxi Gómez, que se batiu afoutamente con Bartra, axudasen a desafogar as combinacións béticas dentro da área celeste. Xaora, o partido resolveríase cando apenas faltaban dez minutos, tras unha arrincada de Cristian Tello en posición dubidosa que na banda destrozou coa súa velocidade a Hugo Mallo. O internacional catalán xutou e atopou as mans de Rubén, cuxo rexeite aproveitaría Jesé para marcar. Tras dous minutos de espera, o VAR concedeu gol e as esperanzas celestes fóronse a pique.

Coa táboa de marcas en desavantaxe e dez minutos por diante, o Celta amosouse sen nervio nin capacidade de reacción ningunha, nin sequera pola heroica, unha mostra de impotencia que probablemente sexa o indicio máis precoupante do sucedido na matinal do Fragoso. E cómpre recoñecer, ademais, que Escrivá nin vai dispoñer de tempo para probaturas tácticas nin tampouco acudir a Aspas como táboa de salvación in extremis como sucedeu noutras tempadas. Aínda que non é momento de facer balance deste Celta ideado por Felipe Miñambres, é moi difícil entender as razóns polas que se desguazou nun par de tempadas o proxecto deportivo de toda unha década. Agardemos non ter que lamentalo nun futuro que hoxe enxergamos moi escuro.

Source: BrétemasBrétemas

2019-03-11T16:07:12+00:00 11 / 03 / 2019|Brétemas|