Campo do Fragoso CCVII

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Brétemas/Campo do Fragoso CCVII

Campo do Fragoso CCVII

CARA E CRUZ

A estas alturas do campionato o Celta de Unzué é un equipo recoñecible para os seus seareiros e para os seus rivais. A doutrina da saída da pelota combinada dende a defensa, a convición da marca zonal e a procura de superioridades na transición dos mediocampistas son características do patrón de Unzué. Un xogo agradecido para o público ao que non lle resulta alleo unha evidente fraxilidade defensiva provocada tanto polas perdas de balón en espazos críticos, probablemente inevitables, como polas dúbidas que suscita unha portaría da canteira con serias dificultades de abandonar o acubillo dos tres paos. Un xogo alicerzado, ademais, sobre a impresionante eficacia goleira de Maxi Gómez e Iago Aspas, dous dianteiros en estado de graza, moi distintos nas súas características, aínda que capaces de complementarse e asociarse de forma admirable, xa que os seus vinte e sete caroliños (como diría Derviche), unha cifra bárbara, supoñen case o oitenta por cento dos marcados polo equipo.

O partido do serán do domingo co Espanyol de Quique Sánchez Flores expresou a cara e a cruz deste Celta de Unzué, que pelexa polas posicións europeas, os seus valores e as súas eivas. E neste caso as estatísticas falan por si mesmas. Cun 71,5% de posesión o Celta monopolizou a pelota, o que lle permitiu fabricar dezaoito remates dos que sete foron á portaría e dous convertidos en gol por Maxi Gómez. Mais tamén cómpre reparar en que o seu rival, a pesar de contar apenas co 28,5% da posesión e rematar só tres veces, dúas á portaría, conseguiu marcar outras tantas. Unha eficacia extraordinaria que permitiu aos cataláns igualar un partido no que contaron cunha actuación memorable de Diego López, hoxe o mellor gardarredes galego, polo que piamos tantos celtistas.

Comezou o Celta moi determinado cun xogo rápido e profundo polas bandas, que aventuraba un serán de entusiasmo. Porén, aos dez minutos, unha perda de Loboltka no centro da lameira foi aproveitada por Gerard Moreno que cun só toque filtrou sobre Leo Batistao que lle gañou as costas aos nosos centrais e encarou en solitario a Rubén para superalo cun xute cruzado sobre o pao esquerdo. Un gol desgrazado que non fixo variar liña ningunha do guión previsto polo adestrador navarro. O Celta seguiu tocando de forma paciente coa intención de abrir a fenda dos corredores laterais para desde alí Mallo, Aspas, Wass, Jonny e Pione centrar procurando as cabezadas de Maxi.

Despois de repetir varias veces esta xogada, no trinta e un chegou o primeiro gol do ariete charrúa, que aproveitou para cabezar de forma inapelable un centro moi medido de Hugo Mallo, un dos mellores celestes do serán. Pouco despois, Maxi puido recuncar cun xute cruzado ao pao longo que Diego López despexou coas xemas dos dedos, na primeira das súa case media ducia de actuacións hiperestelares. Tras o intervalo, cando o partido comezaba a conxelarse, o Celta recuperou a xerarquía e no 64, tras un tremendo barullo na área pequena, o porteiro de Lugo conseguiu deter na propia liña de meta até tres remates de gol. Milagrosas intervencións que repetiría minutos despois cando o Celta buscaba a tumba aberta o gol da remontada. Chegou coa entrada dun excelente Emre Mor quen coa súa velocidade revolucionou o xogo dende a banda esquerda. Un dos servizos do turco foi taconeado por Aspas para que no oitenta Maxi rematase a reviravolta, un fermoso pinchacarneiro propio dun acrobata. Outro maxigol de categoría premium que sitúa ao charrúa como o ariete revelación da liga.

Cando o partido esmorecía e a bancada comeza a celebrar a merecida vitoria, chegou a decepción. Gerard Moreno inventou dende a nada o gol do empate, un froito serodio do fútbol directo de dous toques, aproveitando un envío de corenta metros dende a súa defensa e xutando cruzado en carreira sobre o pao esquerdo, un balón ao que Rubén, onte un chisco preguiceiro, non puido chegar. O Espanyol conseguía así a igualada cando apenas se achegara á área céltica.

Foi o do domingo un partido clarificador onde se enfrontaron dúas formas moi diferentes de entender o xogo. Gozamos do mellor xogo atacante celeste, de dous goles soberbios, de boas oportunidades nas áreas, mais tamén fomos penalizados pola nosa febleza na retagarda. A cara e a cruz dunha tempada na que todo continúa aberto, na que mesturamos satisfaccións e decepcións, o celtismo en estado puro.

Source: BrétemasBrétemas

2018-02-13T09:08:17+00:00 13 / 02 / 2018|Brétemas|