Campo do Fragoso CC

Campo do Fragoso CC

MAXIGOL

Cando aínda falabamos na bancada sobre a confusa numeración das ringleiras de Río Alto, onde ningunha persoa responsable do club aclara aos abonados cales son a ciencia certa as súas novas butacas (o que xa chove sobre mollado), o Celta xa sacara dous córners que intimidaron a Pacheco, o excelente gardarredes do Alavés. Comezaba así un partido no que sobre todo durante o primeiro acto o cadro de Juan Carlos Unzué monopolizou a posesión sobre a nova alfombra de Balaídos, mais no que sempre houbo alternativas de gol en ambas as dúas portarías, mesmo até os agónicos minutos do desconto.

Unzué confiou por vez primeira a Stanislav Lobotka a dirección do xogo celeste, responsabilidade que o pivote asumiu con inusual afouteza e brillantez para tratarse dun debutante, o que aventura que cando coñeza mellor aos seus compañeiros poderemos gozar de grandes partidos do seu elegante xogo de precisión. Dirixido polo internacional eslovaco, o Celta achegábase a área vasca, mais non era capaz de furar a meta de Pacheco. Intentouno Iago Aspas, motivadísimo, primeiro tras un pase longo de Cabral, despois cun gran caneo a Pedraza que o levou a xutar sen fortuna dende a área pequena. Mais os de Zubeldía non viñeron a Vigo só a ver as Cíes e, pouco despois, tiveron un gol feito nunha gran xogada do lateral Pedraza, que colleu as costas de toda a defensa celeste, e pasou a Bojan que xutou raso un balón que o noso Sergio desviou in extremis.

O Celta respondeu no trinta e tres cunha xogada de Pione Sisto de moitos quilates que despois de enguedellar ao seu defensor conseguiu centrar para que na área pequena aparecese entre os defensas a cabeza de Maxi Gómez que coou o balón entre as pernas de Pacheco. Un maxigol que con apenas tres partidos de liga confirma ao dianteiro centro charrúa como un pichichi indiscutible. Coa táboa de marcas por diante, o Celta gozou dos seus mellores minutos, mais non foi capaz de pechar o partido. Puido facelo Jozabed cabezando un centro de Mallo e, sobre do, estivo nas biqueiras de Iago Aspas que no corenta, tras combinar tamén co dragón de Marín, na área pequena non acertou coa puntería.

Abriuse o segundo acto con novas tentativas do Celta para pechar o partido, mais foi unha angueira con escasa fortuna. No sesenta e sete o noso admirado Daniel Wass xutou dende na frontal dende polo menos vinte e tantos metros unha bolea que petou na madeira, un xute extraordinario que merecía gol. Maxi disparou até en dúas ocasións os seus cacheiróns, mais non conseguiu tampouco superar a Pacheco. E mesmo Aspas foi, probablemente, derrubado na área por Pedraza, xogada pola que o internacional de Moaña recibiu un cartón amarelo, a todas luces inxusto. O partido foi esvarando así nunha derradeira fase de incerteza na que os vascos semellaban queren dar un paso adiante procurando a igualada, mais faltoulles a determinación necesaria. Desta volta o cadro de Unzué mantivo a intensidade na presión e soubo defender este maxigol decisivo que pecha moitos medos e abre algunhas esperanzas para esta tempada.

O que vimos de fichaxes como as de Maxi Gómez e Lobotka é máis que prometedor, sendo xa figuras emerxentes da Liga. Como tamén o é o feito de que Iago Aspas asuma o liderado indiscutible do equipo cun desempeño que vai moito máis alá da súa posición na banda. Como o debut de Emre Mor, case co encontro vencido, abre expectativas sobre as posibilidades de quen se presenta como artistiña do caneo. Razóns para volver con ilusión ao Campo do Fragoso non nos van faltar.

Source: BrétemasBrétemas

2017-09-11T07:56:41+00:00 11 / 09 / 2017|Brétemas|