Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns

Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns

Un amigo faime chegar a terceira entrega de Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns que se presentou esta semana pasada nun acto en terras de Monterroso.

Descoñecía as dúas entregas anteriores pero é doado deducir que esta é unhas das publicacións, no seu xénero, máis salientables das que agora se editan entre nós. Coordinada polo xornalista e poeta Daniel Salgado ofrece, loxicamente, estudos e análises que espellan a realidade da comarca da Ulloa como son os artigos que reparan na historia do Casino de Monterroso ou a proclamación da República neste concello a cargo, respectivamente, de Jesús Otero Pereira e de Fernando Salgado. Incorpóranse ao mesmo tempo análises sobre esa iniciativa dinamizadora da cultura rural chamada Son d´Aldea, arredor da pegada xacobea na Ulloa, sobre a liñaxe de María da Ulloa ou dúas achegas non menos interesantes como son as que versan sobre as singularidades que presenta o románico monterresino da man do escritor Xosé Lois García ou o estudo, ao meu xuízo relevante e clarificador, que incorpora o profesor Alonso Montero sobre o avogado e político galego Amando Losada: un lingüista apreciable e, case ata hoxe, descoñecido, penso que de elevado interese para amantes da filoloxía galega e non só. Non esquezo tampouco a colaboración que realiza Patricia Arias Chachero sobre os artigos de Amadeo Varela na revista Nós: revista da que en poucos meses se debería celebrar o centenario da súa primeira entrega.

Colaboracións literararias que chegan dos escritores Toño Núñez e Fernando García Penas poñen o ramo a unha publicación periódica de inspiración local mais, sen dúbida, de inequívoca proxección galega á que lle desexamos longa vida.

Source: Caderno da crítica

2019-03-21T13:45:02+00:00 21 / 03 / 2019|Caderno da crítica|