Bruídos contra o desacougo distópico

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Bruídos contra o desacougo distópico

Bruídos contra o desacougo distópico

Últimos bruídos

Marga Tojo

Ilustración da capa: Loi Fernández

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2016, 43 páxinas.

 

Marga Tojo debuta na literatura cunha peza literaria que non acostuma ser o xénero máis doado, mais si o máis natural, porque, como afirma a autora, ela tamén escribiu versos desde nena. Cativouna desde sempre o poder das palabras, “as primeiras cousas que se secuestran nos contextos da opresión”, pero tamén posuidoras da capacidade de destapar realidades silenciadas. É a particular poética desta escritora primeiriza, “unha poeta moi namorada do xornalismo” como ela mesma confesa. Cumpriría engadir que o que é difícil reside na capacidade de vivir, ata as derradeiras consecuencias, a vida do poema, facer materia de memoria a experiencia da vida. Só así a poesía é capaz de arrincarlle algo a morte, como, xa hai moitos anos, o expresa Andrè Mauraux.

A autora, filóloga de formación, exerceu o xornalismo a pulso en Galicia Hoxe e noutros medios.E tamén foi vítima da crise desencadeada desde as cúpulas das grandes ou pequenas empresas de comunicación. Mais iso permitiulle retomar as súas orixes: esa posibilidade de facer fermosura coas palabras, aínda que coas mesmas se fale de escenarios distópicos, porque hoxe o mundo é o grande teatro das distopías, como nolo fai penetrar con palabra potente Marga Tojo, nese seu primeiro poema “Mapa”, salferido de amor -tamén da súa expresión a través do sexo cun ciborg, un ser asexuado-, e de todos os berros da dor e da opresión no mundo de arestora: o son rouco do abafo dos que foron exterminados, despois de camiñaren durante semanas, o militarismo patriarcal ao que lle urxen as guerras, a sociedade deshumanizada, alienada no “consumo como comportamento afectivo, ou o dogma, o monoteísmo do traballo remunerado -escravizante- como imperativo moral

O segundo poema, “A Guerra dos Dous Meses” reflicte outra historia de amor cun morto vivente, alguén que podrece: “…un ente rosmante / que consume esforzos alleos” (páxina 24), a claudicación de todos os soños. E como contexto obrigado desta relación cunha persoa das que “tiran a vida abaixo”, a choiva, o arroiar en Santiago, e o compango brutal de millóns de cidadáns forzados ao suicidio, deportados e tantas mulleres violadas.

“Os días comúns” o terceiro poema, é unha breve historia, tinguida igualmente pola distopía, co inquérito de que se aquilo que se traizoa cando se vive, non será  a única felicidade posible (páxina 31).

No último poema , “Derradeiras horas de Renata M.”, a voz poética diríxese a unha muller á que van asasinar. Fala a persoa que convive con Renata M., e, hora tras hora, amósanos a barbarie que rodea á muller ata que acaban de matala.

 

Marga Tojo

Un libro duro, áspero, que tradea non só os sentimentos, senón tamén as conciencias. Escrito non con palabras sabedeiras ou larpeiras, senón arrequentado cunha lingua que soa coma o torbón; e teselado pola presenza dos personaxes femininos que son os que poñen o quiñón dos afectos, as que apostan pola vida.; un pequeno antídoto fronte os ouveos, berros e mentiras que pretender facernos pacíficos e silentes cidadáns as versións oficiais. Outro chanzo é Santiago de Compostela: escenario da distopía e do contraste, afirma a autora.

Poemas e versos enteiramente narrativos. Marga Tojo transgride á mantenta os xéneros literarios e agasállanos cunha escrita cimentada na superación do contexto tradicional de poesía.

Un libro relevante que espella sen enganos nin eufemismos a experiencia deste mundo de hoxe ben presente nos versos de Últimos bruídos, e que semella un pavoroso adianto dunha utopía negativa.

Source: NOVENOITES

2017-05-19T09:24:49+00:00 07 / 04 / 2017|Novenoites|