Besta do seu sangue, de Emma Pedreira

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Besta do seu sangue, de Emma Pedreira

Besta do seu sangue, de Emma Pedreira

Emma Pedreira

Besta do seu sangue

Xerais, Vigo, 120 páxinas, 16,85 €, 2018

 

A licantropía, esa suposta capacidade mediante a cal algúns seres humanos poden converterse en lobos ou lobas, é asunto de ampla presenza na tradición de narrativa oral, na mitoloxía galega -lémbrese tan só, por exemplo, a figura da Raíña Lupa- e, asemade, conta cunha longa traxectoria creativa en prosa, centrada no célebre “sacaúntos”,  Manuel Blanco Romasanta, e que van desde Martínez Barbeito, pasando por Vicente Risco, Xosé Miranda ou Alfredo Conde, alén doutras voces que analizaron o seu perfil desde a investigación -como Mariño Ferro e Ángela Torres- ou mesmo algunhas outras que achegaron aos nosos tempos unha interpretación como a da artista multidisciplinar catalá Laia Abril, que abordou nunha magnífica exposición fotográfica o asunto -púidose ver en Ourense a comezos do ano pasado- desde a perspectiva da identidade de xénero baixo o que denominou “lobismuller”. Mais nunca se formulara unha proposta desde a narrativa tal e como a concibiu Emma Pedreira e que lle valeu o Premio Xerais deste mesmo ano, isto é, aquela que se impón construír un exercicio de creación que posibilite internarse no mundo da licantropía clínica, feminina neste caso, poñendo en cuestión o relato que nos chegou, xustamente, do único caso documentado, xulgado en Allariz a mediados do século XIX.

Besta do seu sangue, así pois, parte dun cuestionamento inicial, isto é, daquel que nos trae a historia oficial respecto da identidade sexual de Blanco Romasanta e, deste xeito, abrazamos un relato que se converte nunha visión, moi documentada ao meu ver, que percorre o perfil da protagonista, desde os seus primeiros pasos ata, dalgún xeito, o seu final, nunha revisión diatópica non lineal.

E Pedreira envolve todo este universo nunha prosa marcada pola contención, dotando á súa novela dunha dinámica fragmentaria  alimentada por textos de toda filiación e índole, asumindo a relevancia que posúe a presenza de diversas voces para compor un tapiz heteroxéneo onde non falta, en moitas páxinas, unha indisimulada querenza pola linguaxe lírica, expresada con evidente naturalidade e onde se repara, paréceme que con especial incidencia,  neses intensos, desasosegantes e por veces irresolubles conflitos interno, tan verosímiles como transparentes, que desde sempre Manuel ou Nela experimentou.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, o 30 de novembro de 2018.

 

 

Source: Caderno da crítica

2018-12-03T22:59:46+00:00 03 / 12 / 2018|Caderno da crítica|