Benvido, Maio!

Benvido, Maio!

Aí vén o Maio,

señor capitán;

bótelle as maiolas

da hucha do pan.

Louvor ao señor Maio

que chega sen chamar!

Benvido, señor Maio,

tempo de namorar!

Mondoñedo. Maio 1936

Mondoñedo. Maio 1936

Os Maios celebráronse en Mondoñedo con moito entusiasmo e grande participación durante moito tempo. Seguramente, séculos.

Maios sempre fermosos, vestidos coa follaxe dos bosques de arredor e logo paseados por rúas e prazas,  montados en carros, adornados con flores, follas e pólas de loureiro e sabugueiro, pravias ou xestas.

Percorrían as rúas, escoltados por centos de nenos e nenas que andaban atentos ás castañas maiolas, ás noces ou ás perras que lles botaban desde os balcóns por onde pasaban.

Dirixía a representación un Rei do Maio e recollía os agasallos o neno que facía de Maio.

Na década dos 20 do s. XX comezaron a decaer. En 1929 din as crónicas que a pesar de que houbo unha gran representación, só houbo un Maio cando nos anos anteriores eran varios os que saían polas rúas.

Para recibilo

de boa maneira,

árbores e campos

vístense de festa.

E para cantarlle

sáenlle ao camiño

coros de paxaros

con albas no pico.

Mondoñedo. Maio 2019

Mondoñedo. Maio 2019

 

Os Maios forman parte do ciclo de festas cíclicas do ano, neste caso de celebración do renacer e florecer das árbores e das plantas, o recomezar do ciclo produtivo dos froitos e, por tanto, a seguridade de dispor dun alimento para que a vida se reproduza e continúe.

Celebrábanse cerimonias de purificación da terra, cantábanse coplas, festexábase como corresponde a un tempo de explosión de cores e olores, de cantos de paxaros namorados, de festa e de esperanza. Celebramos a morte do inverno e o re-nacer da primavera.

 

Cantade, rapaces,

as cantigas ledas;

pregando as maiolas

en choiva festeira.

O Maio de Mondoñedo era humano; un neno vestido con roupaxe vexetal, que presidía e dirixía, xunto co Rei, a comitiva cara os lugares e portas das casas onde paraban a cantar para recibir a cambio os agasallos que o propio Maio recollía tirándose polo chan. Para que se erguese había que dicirlle:

Levántate, Maio,

que tanto durmiches;

xa pasou o inverno

e ti non o viches.

Álvaro Cunqueiro, en palabras de X. Díaz Jácome, foi clave na recuperación dos Maios de Mondoñedo en 1934. Con letra del e música de Manuel Ledo Bermúdez  ‘O Pallarego’, o coro infantil da rondalla O Eco esparexeu aquel ano polas rúas mindonienses a alegría do Maio:

Maio está entrando por portas,

o Maio de namorar,

Maio desfolla nas rosas

para ver con quen casar.

Os Maios de 1934, recuperados a imitación dos de antano aínda que modernizados esteticamente por Bernardino Vidarte, sen perda da tradicional solemnidade, resultaron un éxito enorme.

Mentres a carroza co Rei Maio andaba as rúas seguida das mozas vestidas de verde follaxe e coroas de loureiro, e dos mozos con floridas monteiras, desde as ventás das casas caía o aguinaldo de castañas secas (maiolas) ou noces, o que lles lembraba aos organizadores, en palabras de Cunqueiro, o rito de “resurrección da terra maternal e carnal”.

Rosas ás mans cheas

hanvos regalar,

fiunchos e festas

de nunca acabar.

Rito e celebración que se repetirían nos anos 1935 e 1936. A partir de 1936, a pesar das reiteradas evocacións daqueles Maios por parte de Cunqueiro e, sobre todo, de Xosé Díaz Jácome, non sería ata 1991 cando volverían a regresar con forza os Maios ás rúas de  Mondoñedo.

Regreso no que tería que ver, indirectamente, outra volta, o músico e barbeiro Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’ pois foi a súa filla Remedios Ledo Vizoso quen se fixo cargo da súa recuperación. Os Maios deste 2019 terán lugar o día 16 de maio.

© Antonio Reigosa

Benvida ao Maio que formou a Escola de Música Municipal de Mondoñedo en homenaxe a Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’. Praza Jaime Cabot (Alcántara), 1 de maio de 2019. Acto no marco de Mondoñedo é poesía 2019.

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-05-03T07:52:41+00:00 03 / 05 / 2019|Caderno de campo|