Atavismos da tribo

Atavismos da tribo

Terra queimada

Ramón Caride

Edicións Embora, Ferrol, 2017, 84 páxinas

 En pacífica coincidencia e convivencia con outro título da narrativa de noso, rotulado tamén Terra queimada, publicado hai vinte anos e da autoría de Xesús Manuel Marcos, ao que Ramón Caride lle dedica este libro, vén de ver luz a última entrega narrativa de Ramón Caride, editada en Edicións Embora.

Terra queimada é unha intensa novela de relatos. Relatos que se poden ler como autónomos, pero que teñen relacións uns con outros, e que, no seu conxunto, danlle forma a unha novela breve, no só por esas ligaduras que lle proporcionan os personaxes compartidos senón tamén por teren en común outros trazos seguramente máis importantes: historias que se cruzan e encontran, que fan referencia a unha Galicia rural en imparable decadencia, ensumida na desolación. As pequenas aldeas dos montes da Galicia interior, paradigma do baleiro, da soidade, nas que todo arde, tamén a memoria (páxina 8). E así mesmo, pola violencia, por veces fría e irracional que aparece con claridade nalgunhas destas historias, e noutras de forma solapada.

Novela moi intensa, arrepiante a veces, con protagonistas que son xente dura, moi rexa, e aos que a aleatoriedade da vida os precipita en sanguentos axustes de contas.

Todo comeza nunha taberna cunha partida de cartas na que participan Elixio, alcumado Chavella, un xubilado que vive coa súa sobriña Zoray que chegou de alén mar, á que nada lle falta e que lle paga aturándolle todo, no só as rarezas senón tamén máis cousas, segundo algúns dicires. O Sindo, un mercador de madeira. E dous serrachíns: Ramón do Tanxil e Vicente o Capado. Os catro forman parte da paisaxe da taberna. Semellan intemporais como as cadeiras esportilladas da mesma. Serán elles o fío condutor e o ligamento que amalloa as diferentes historias ata convertelas en novela. Ao día seguinte continúa a partida  de cartas, tamén a rutina dos serrachíns. E aparece na narracións o bar de alterne Club Colina, carecente de glamour, mais con abondosa animación a partir da solporecida, porque, como parte da carta da casa, ofrece mulleres, entre elas unha negra: Sawa, á que, por tela rescatado nunha acción de salvamento marítimo, coñece Héctor, un personaxe decisivo no desenlace destas historias encadeadas. Sawa arrastra consigo unha existencia estarrecedora, a dunha muller convertida en mercadoría.

O autor introduce unha historia que, malia ter sucedido no século XIX, non desentoa nin semella unha manobra para alongar o percorrido e as páxinas desta novela breve. O relato da gavela do Meteco, un malfeitor carlista que actuaba coa súa banda polo Paraño. Un conto relatado polo vello Elixio e que subliña que o duren dos moradores dos montes galegos vén dos devanceiros, dos arrieiros, da “xente de antes, todo cerne” (páxina 34).

Como xa dixen, nas páxinas de Terra queimada emerxen desde a dureza dos labores dos serrachíns, sanguentos mais xusticeiros axustes de contas: as violacións da nai e o asasinato do pai, escoitados no desvarío de aquela, foron purgados cun tiro na cabeza. Cóntase no relato “O piñeiro”, con suficiente substancia diexética para construír coa súa trama unha novela de seu.

O desenlace da novela é unha refoleada de optimismo nesta maldición de incendios, soamente aludidos nalgún intre ou presentidos pola presenza dos pilotos do helicópteros apagalumes. Mais na secuencia final, “A plenitude do incendio”, atopamos a historia que xustifica o título: todo arde, montes e aldeas enteiras. Un espantoso Argamedón  de lume. Un fogo maxistral e apocalíptico que reflicte o que cada verán queima os nosos montes e, por veces, as nosas aldeas.

 

Ramón Caride

Mais dunha vez teño feito referencia a que Ramón Caride se defende con igual eficacia en todos os xéneros e subxéneros, pero que é no relato curto e na novela breve onde cómpre salientar a súa mestría. R. Caride leva moitos anos agasallándonos con historias condensadas, historias crúas e acedas, negras historias case que sempre que fan saír á superficie o sentido da existencia cando se vive nun contorno abafante. Faino de novo en Terra queimada, cun pleno dominio do espazo literario do conto, ao que é capaz de dotar da tensión e intensidade que demanda o tema, que, xaora, necesita ser condensado en poucas planas. Narrativa de accións: sempre pasan cousas nos relatos de Ramón Caride. Estrutura accional perfectamente dosificada. O tempo da historia é lineal na memoria, pero no discurso aparece alterado por algunha analépse  que recupera o pasado. Personaxes perfilados moitas veces cun só trazo (Tareixa, a taberneira, é “viúva desde sempre, co seu loito perpetuo”) que transmite máis información que unha páxina enteira. Un estilo de prosa, neste caso pouco iluminado por relampos de fantasía, mais ornado pola oralidade do galego da xente desas tribos nosas da Galicia interior, ponlle  a vestidura a esta moi boa novela breve na que, máis unha vez, na narrativa de Ramón Caride hai unha primacía de historia.

Source: NOVENOITES

2017-06-18T19:17:04+00:00 18 / 06 / 2017|Novenoites|