AS SENSACIÓNS DUN ÁLBUM MAGNÍFICO DE ANTÍA OTERO E MARÍA BRENN

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/AS SENSACIÓNS DUN ÁLBUM MAGNÍFICO DE ANTÍA OTERO E MARÍA BRENN

AS SENSACIÓNS DUN ÁLBUM MAGNÍFICO DE ANTÍA OTERO E MARÍA BRENN

Antía Otero

Coñecina da man de Concha, a súa nai, naqueles tempos nos que compartín labor editorial con David Otero, María Victoria Moreno, Carlos Casares e outras persoas que levamos adiante a colección Árbore, da editorial Galaxia.

      
     Era ben riquiña e segue a selo. É unha muller inqueda, disposta a crear e mover os alicerces da nosa cultura. Forma parte dese grupo marabilloso de mulleres que están a revitalizar a nosa literatura e que non teñen complexos para achegárense á LIX.
     Estou a falar de Antía Otero.
     

     Desfrutei non hai demasiado tempo do seu poemario O cuarto das abellas, editado por Edicións Xerais. Magnífico.
(Non podo escribir sen as súas ás petando na parede / Recordo do efémero / O paradoxo) podemos ler no poemario.
     
     Esta licenciada en Historia da Arte, actriz, que traballa arredor da práctica escénica e da escrita, que é editora (xunto a Dores Tembrás en Apiario), que imparte obradoiros de poesía, xa sabe o que é gañar un premio de poesía (O Francisco Añón con De porta un Horizonte, 2003) e dar ao prelo libros interesantes coma O Son da Xordeira e (Retro)visor(Xerais, 2010).
 

Antía nun obradoiro

     Pois ben, acabo de recibir unha xoia literaria e plástica. Da súa autoría é o álbum O branco non pinta! (Apiario, 2017), ilustrado por María Brenn que, entre poesía e sensacións cromáticas, enfeitiza ao lector ou lectora.
     

     Antía deixa ben claro o carácter poético do libro.
     Á nena protagonista da historia gústanlle as cores, cólleas na man e escóitaas e, cando as mira cos ollos moi abertos, sabe que lle queren dicir cousas. E sente as ondas que a arrolan cando pinta azul. Cando emprega o vermello é quen de ver un amorodo peiteado de papoulas. E ve no amárelo a xelea real da abella mestra.
     E cando colle o branco? Pois nese intre chega á conclusión de que o branco non pinta. Pero aí está a súa nai para convencela do contrario. E entre as dúas van comprender axiña que o branco é neve sobre neve, é o espazo entre as liñas, un segredo ben gardado… e moitas máis cousas tan evidentes coma poéticas.
     
     As imaxes sucédense coma un torrente de sensacións que te engaiolan sen case te decatar, que te acariñan e que fan que poñas o acento nas cousas que, ás veces, están agochadas, pero viven.
     
     Un álbum delicioso, moi coidado coma todos os libros de Apiario, unha editorial que mima o que publica e          que se move entre a elegancia e a calidade.
     
     Unha fermosura que debemos gozar. Que debe estar presente nas bibliotecas e que é un proxecto que permite a interrelación entre adultos e rapaces/as.
     

Antía Otero e María Brenn no Culturgal

     Un libro para soñar, para inventar, para dialogar.
     En fin, un libro intelixente dos que dá gusto ler e admirar a proposta estética que hai nel.

     
     Parabéns, Antía.

                                                                                             ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

Source: Versos e Aloumiños

2018-01-15T20:52:00+00:00 15 / 01 / 2018|Versos e aloumiños|