As paisaxes sombrías de Brais Rodríguez

Inicio/CÓMIC/Un ollo de vidro/As paisaxes sombrías de Brais Rodríguez

As paisaxes sombrías de Brais Rodríguez

La chica con el sol en la cabeza e Sombra

Tras A man do diaño, Brais Rodríguez regresa ao cómic experimental con dous traballos autoeditados.

Brais Rodríguez só asomou ao circuíto comercial de banda deseñada nunha ocasión. Foi en 2011, con A man do diaño, cómic que gañou o Premio Castelao de BD e que foi publicado simultaneamente en galego e castelán. Non era unha obra de dixestión doada. Ademais da crueza que se pode agardar de calquera relato antibelicista, Rodríguez desafiaba ao lector envolvendo a súa mensaxe nunha proposta formal austera, sen apenas texto, cun debuxo ríspeto e dunha simplicidade provocadora. Non era un título para grandes audiencias pero a recepción foi predominantemente positiva, moitos lectores anotaron o nome do autor para seguirlle a pista. E Rodríguez desapareceu. 
Realmente a desaparición non foi tal. Rodríguez retornou ao lugar de onde procedía, a autoedición. Fanzines e revistas autoeditadas como Argh!, Barsowia, Enfermo ou Carne líquida abeiran nas súas páxinas a maior parte da súa produción previa a A man do diaño, un conxunto de pequenos traballos que, contemplados en conxunto, permiten dilucidar os intereses creativos dun autor que se dirixe sempre ao lector con ideas claras e formas contundentes. Autoedición implica distribución limitada pero tamén liberdade creativa e control absoluto sobre o produto final, dous factores que de seguro pesaron na decisión do autor de apearse da edición convencional. 
Dous títulos despuntan na traxectoria recente de Rodríguez. O primeiro, La chica con el sol en la cabeza (2016), un artefacto que camufla a súa condición de cómic baixo o aspecto externo dun folleto repinicado cuxo interior non resulta menos desconcertante. As súas viñetas son unha mestura de debuxo e collage que toman coma referente os gravados dos libros decimonónicos. O relato xoga a arremedar os tópicos literarios das narrativas daquel tempo, dende a fantasía de base científica de Jules Verne á novela vitoriana das irmás Brönte. O protagonista asume un reto vital, o de alcanzar e explorar unha misteriosa illa que aparece e desaparece no mar. A súa vida será aquilo que acontece mentres procura unha empresa imposible. A man de Rodríguez corrixe as imaxes que serven de base para as súas viñetas co mesmo aquel desacougante co que o seu relato se afasta dos clixés narrativos do XIX. Os referentes resoan intensamente, mais tamén o fan os desvíos que toma o autor. O resultado é unha fantasía sombría de significado esquivo, desconcertante e magnética a partes iguais.  
Sombra (2017), o seu traballo máis recente, parece responder ao desexo de recuperar a pureza do debuxo. Rodríguez adopta un rexistro máis tradicional, con pluma negra sobre fondo branco, formas simples e estilizadas nas que a raia predomina sobre a mancha. O relato organízase a partir dun patrón invariable de nove viñetas por páxina, no que o punto de vista se mantén fixo durante o tempo necesario para percibir pequenas variacións no espazo retratado. Así se suxire o acontecido, cunha narración na que os feitos non están tan claros como os sentimentos. Rodríguez encóntrase co cómic de vangarda actual que representan autores Begoña García-Alén, Andrés Magán ou, no plano internacional, Olivier Schrauwen, mais non acaba de chegar. É un terreo que frecuenta dende os seus inicios.  
Malia seren traballos editados polo propio autor baixo o seu propio selo, Carne Líquida, a súa distribución nas librarías especializadas galegas é razoablemente boa, o que pode ser un motivo adicional para non deixar pasar a oportunidade e achegarse á obra dunha das olladas máis singulares da BD galega contemporánea.

Source: Un ollo de vidro

2018-06-21T11:23:00+00:00 21 / 06 / 2018|Un ollo de vidro|