As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey

As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey

Daniel Asorey

As mulleres da fin do mundo

Xerais, Vigo, 248 páxinas, 17,50 €, 2019

 

Arestora, un dos espazos de maior e inequívoca proxección ocúpao Daniel Asorey, que deu a coñecer hai uns meses As mulleres da fin do mundo: un texto que dialoga co seu poemario Transmatria, que se acaroa ás distopías de carácter político e feminista e que deseña unha proposta reflexiva que retrata un mundo precipitado, inescusablemente, ao abismo ou ao baleiro.

Velaquí un grupo de personaxes que nos levan da man para realizar un percorrido, marcado por un coidado alento descritivo, a través dunha sociedade que, ameazada nas súas bases económicas pola crise, arrostra unha revolución social que abrace a solidariedade, a igualdade e o respecto á diferenza. Asorey consegue espellar con acerto e efectividade a estrutura tecnocrática, ditatorial e negadora das liberdades individuais do ser humano que supón unha constante nas propostas distópicas, sen esquecer outros asuntos como o proceso de militarización da sociedade, o turismo sexual, a prostitución, os enormes continxentes de desempregados ou a implantación dun pensamento único.

Hai nestas páxinas esixentes, construídas a lume lento, moita transparencia e emoción, pois, construídas nun rexistro lingüístico excelente, fálannos dun exército de desherdadas con pouco que perder e moito que gañar. Sabaf, Tichborne, mais sobre todo Rebeca, Blau, Olga e Faheema son voces ben individualizadas, con valores e identidades diferentes, que reaccionan con afouteza diante de realidades que dubidosamente se poden cualificar como alleas ou estrañas ao noso tempo: a submisión do poder político a outros intereses, a uniformización das identidades sexan estas cales sexan ou a denominada emigración ilegal. Malia todo, nesta novela alenta unha vontade de reconstruír coa esperanza; contaxia unha fe na necesidade de crear un mundo novo das mans das mulleres e xa se sabe que, ás veces, a literatura é profética.

Source: Caderno da crítica

2019-08-17T10:22:22+00:00 17 / 08 / 2019|Caderno da crítica|