As lecturas do Sr B: Futbolín

Inicio/CÓMIC/Metrópoles Delirantes/As lecturas do Sr B: Futbolín

As lecturas do Sr B: Futbolín

Aquí en español.

Tralla brava!

Moitas veces lle teño escoitado a Xurxo Souto: Somos un pobo creador! Unha frase fermosa para definírmonos, porén non deixa de ser paradoxal o feito de que unha novela que é a un tempo bio e gráfica (desculpen a brincadeira) titulada futbolín e dedicada a contar a vida de Alexandre de Fisterra (Alexandre Campos Ramírez), o inventor do matraquiño, sexa obra dun italiano. Bo, tamén podemos tómalo como unha mostra do internacionalismo do que sempre fixemos gala… emigrando.

A historia deste libro céntrase en Alexandre, un rapaz inquedo e creativo que vive o comezo da guerra civil en Madrid, onde coñece a a grandes intelectuais coma León Felipe ou Neruda. Ferido nun bombardeo, pasa a convalecencia en Barcelona, precisamente alí, é onde inventa o futbolín, para poder xogar cos seus compañeiros feridos. A partir de aí a vida de Alexandre é un continuo exercicio de supervivencia e de exilio, pasa primeiro a Francia e logo a Sudamérica onde vivirá décadas.

O libro mantén ao lector interesado e inquedo por avanzar na azarosa vida do personaxe, o debuxo é agradábel, con só dúas cores, azul e vermello, é cun aire caricaturesco que certamente quítalle dramatismo a meirande parte do libro; aínda que o autor é quen de dotar ao seu debuxo dunha capacidade expresionista áspera e contundente cando é preciso.

A única eiva (cativa) no guión é que aínda que a vida de Alexandre é realmente interesante e tivo unhas amizades de grande importancia a nivel intelectual como Sartre ou Camus, ou mesmo histórico como o Che Guevara, o autor mete «co calzadeiro» outros personaxes que nada tiveron que ver co noso compatriota, así, aparecen Hemingway ou Orwell en momentos que nada teñen que ver coa narración levando as veces á confusión e a perda de ritmo, xa que logo, a aportación destes personaxes aos feitos relatados é nula.

Como é lóxico nunha vida tan axitada como a de Alexandre, Spataro xoga a deixar claro escuros na narración, mesmo da versións contraditorias, coma no momento final do libro no que Ramón Chao cóntalle ao seu fillo Manu (si, o desaparecido) que hai dúbidas sobre algúns aspectos e lealdades da vida do protagonista.

Futbolín é un libro ameno, con bo ritmo narrativo que se le dunha sentada aínda que anda polas 300 páxinas, no que percorremos a través dos ollos do Alexandre boa parte da historia do século vinte; guerras, revolucións, fuxidas, amores, reencontros e amizades, e xentes ben interesantes como Xurxo Souto ou Ramón Chao. Para rematar hai que falar da pouca consideración da tradución, na que sistemática e continuamente se deturpa o topónimo da cidade da Coruña para adoptar a forma que tanto adora o famoso ex alcalde da cidade que fala español coas sete vogais galegas.

Hai anos no noso país non había bar, taberna ou baiuca por pequena que fora que non tivera un futbolín, e hai unha xeración enteira de galegos e galegas que sabemos de memoria este retrouso da canción que os Diplomáticos lle dedicaron.

“Ano trinta e sete, guerra civil, Alexandre de Fisterra inventa o futbolín”

Esta recensión foi publicada no mes de entroido de 2017 na revista Tempos.

Source: Metrópoles Delirantes – Cómic

2017-06-12T09:29:00+00:00 12 / 06 / 2017|Metrópoles Delirantes|