As lecturas do Sr B: Basura

Inicio/CÓMIC/Metrópoles Delirantes/As lecturas do Sr B: Basura

As lecturas do Sr B: Basura

Aquí en español.

A maxia do lixo

Hai autores cun arte especial para contar as cousas máis cotiás de xeito brillante. Este é o caso de Derf Backderf, que xa sorprendeu co seu anterior libro, Mi amigo Dahmer, obra na que narraba a xuventude de Jeffrey Dahmer, o carniceiro de Milwaukee, un asasino en serie do que foi compañeiro de instituto.

En Basura conta de xeito autobiográfico a súa experiencia traballando na recollida do lixo nos seus anos mozos. Puntualiza no limiar que o que conta son historias vividas por el ou por xente que coñece.

Este é un libro divertido no que Backderf vai debullando a evolución que sofre como traballador da recollida do lixo, dende as primeiras náuseas até a total inmunidade adquirida a vermes, podremia e refugallos en xeral. Conta o seu comezo como novato, como vai aprendendo a costa de acabar cheo de merda ata as orellas (literalmente). A narración vainos levando polo mundo dos residuos dunha pequena cidade norteamericana e así imos descubrindo a organización do servizo, aos compañeiros de Backderf, a cada un máis inquedante, e sobre todo, vemos retratados de primeira man como son os comportamentos dos habitantes da vila, moitas veces pouco colaboradores e pouco comprensivos cos traballadores que recollen o lixo, que como advirte o autor son case invisíbeis, pois o lixo é algo que desaparece “como por arte de maxia”, aínda que evidentemente, non sexa así.

Backderf, que non oculta a influencia no seu traballo gráfico do underground norteamericano, ten un estilo que se move con acerto na fronteira entre o debuxo realista e o caricaturesco. Combinando sabiamente ambos elementos logra que a historia teña veracidade pero sen chegar a provocar o vómito do lector, que sería a reacción lóxica a certas situacións as que se enfronta nesta banda deseñada. Manexa con soltura a alternancia de páxinas cun bo número de cadriños con outras de grandes viñetas moi ben resoltas. Todo o libro está feito nun bonito bitón azul que lle da certa vivacidade á arte e que se agradece moito.

A reflexión tamén ten un espazo no libro, hai un prólogo e un epílogo, breves, nos que nos apunta algo da historia dos residuos e de como se almacenan na actualidade. Amais, o autor non deixa de chamar a atención sobre unha sociedade consumista ata límites absurdos que prefire deixar o lixo embaixo das alfombras que enfrontarse a un problema real e ata perigoso.

Esta recensión foi publicada en xuño de 2017 na revista Tempos.

Source: Metrópoles Delirantes – Cómic

2018-01-17T11:43:56+00:00 17 / 01 / 2018|Metrópoles Delirantes|