As cousas que non queremos oír, de María Reimóndez

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/As cousas que non queremos oír, de María Reimóndez

As cousas que non queremos oír, de María Reimóndez

María Reimóndez

As cousas que non queremos oír

Xerais, Vigo, 496 páxinas, 21 €, 2017

 

Non é a vez primeira, e agardo que non sexa a derradeira, que me refiro a algunha das novelas de María Reimóndez que conforman o que a autora denomina “ciclo dos elementos“, e sempre o fago en clave admirativa pois non é común nin frecuente, nin sequera noutros sistemas literarios, unha planificación tan meditada, vizosa e consciente dun corpus narrativo concreto. Igualmente son estraños, abofé, os azos que esixen para ir tecendo, completando e alimentando esa concepción teórica inicial que camiña da man dunha vontade de construír novos imaxinarios, de carácter alternativo,  que conduzan entre outros obxectivos á superación das fronteiras que marca o heteropatriarcado.

Deste xeito chega estes días, completando un ano doce no que a autora resultou galardoada no premio poético Johán Carballeira, no premio de ensaio Xohana Torres e mais na primeira edición do “Agustín Fernández Paz” coa novela Fóra do normal,  As cousas que non queremos oírcuarta entrega do devandito ciclo composto, até o de agora, por En vías de extinción, Dende o conflito e a A música dos seres vivos. 

A ideación destas novelas como un continuum, onde entran e saen personaxes que, dotados dunha identidade propia, arraigan e sosteñen a globalidade do conxunto, non exime da posibilidade da súa lectura como propostas independentes malia que a interrelación que se dá entre elas constitúa, ao meu ver, un dos seus inequívocos atractivos por estar diante, xustamente, dun Work in Progress único, singular e dotado, ademais dunha armazón competente, dun elemento singularizador como é o do cuestionamento das cousas máis sinxelas que ocorren e do feito de que todo sucede de seu. Nesta ocasión, así pois, o foco desta novela que me ocupa revela as aristas e matices dunha relación amigable, e ao tempo tensa, como é a que manteñen os personaxes de Aurora e Saínza, que xa protagonizara boa parte das páxinas de Dende o conflito. A exposición desta relación, das vivencias que protagonizaron xuntas ou afastadas, da evolución ou transformación da amizade e dos puntos de vista que defenden, en definitiva, conduce a un cuestionamento recorrente, a unha reformulación insistente que abordar asuntos, elevados a categoría, como son a identidade e as propias raíces e, ao tempo, como a xestión destes dous elementos afecta individual e colectivamente e fai pensar en conceptos como o son o desarraigo. E todo isto realízase mercé unha arquitectura moi meditada e efectiva, como é norma nas pezas da autora, que nos conduce de Barcelona a Vilalba ou Nova York, e que nesta ocasión recorre con frecuencia tanto ao xénero epistolar como a un sorprendente e novo rexistro como resulta o das crónicas deportivas, con exposicións moi brillantes nalgunhas delas como convido a descubrir.

As cousas que non queremos oír é, ao tempo, unha novela nada compracente na que se opera un achegamento respectuoso e, á vez, extraordinariamente documentado e veraz, á enfermidade, á doenza, á dor e, se se me permite, ao propio corpo e ao corpos. Tanto que resultaría hipócrita non subliñar que as súas páxinas chegan a conmover, e máis de unha vez, pola súa transparencia e intensidade emocional.

Novela densa e intensa que, ao meu xuízo, talvez poida constituír unha excelente lectura para este vindeiro período vacacional onde sempre se pode dedicar máis tempo á lectura. Neste caso, petiscar nas primeiras páxinas ha conducir, sen dúbida, a esculcar con devezo nas vidas de Aurora, Saínza, tamén as de Gaia ou MK. Un libro que merece atención porque as cousas que non queremos oír si que podemos, e talvez debamos, ler.

Arquivado en:Crítica literaria, Literatura galega, Narrativa, Novela Tagged: As cousas que non queremos oír, Ciclo dos elementos, María Reimóndez, Xerais
Source: Caderno da crítica

2017-12-21T19:12:07+00:00 21 / 12 / 2017|Caderno da crítica|