Artigo en QPC (XXXVI): «Unha crítica á celebración do 12 de outubro nos versos de Antón Zapata García»

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/As Crebas/Artigo en QPC (XXXVI): «Unha crítica á celebración do 12 de outubro nos versos de Antón Zapata García»

Artigo en QPC (XXXVI): «Unha crítica á celebración do 12 de outubro nos versos de Antón Zapata García»

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para dar a coñecer «Unha crítica á celebración do 12 de outubro nos versos de Antón Zapata García». Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Unha crítica á celebración do 12 de outubro nos versos de Antón Zapata García

Unha das liñas que define o estro poético de Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953) é o seu antifranquismo, alicerzado no seu galeguismo (de inicio arredista) e no seu compromiso republicano antes e despois do golpe militar do xeneral Francisco Franco.

E entre todos os seus poemas coa devandita temática salienta «¡¡¡Cristialobos!!!…», na miña opinión un dos mellores textos antifranquistas da Literatura Galega. Publicouse hai agora 80 anos no xornal Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, nº 535, 12 de setembro de 1937, precedido dun debuxo sen asinar, que representa a dous lobos enfrontados a unha cruz. De aquí foi compilado por Fernández Rodríguez, Manuel (2006). Poemas pola memoria (1936-2006). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

Nos versos do poema fálase da xénese do día festivo ou feriado do 12 de outubro, que despois da lectura lévanos a reflexionar se na actualidade debería manterse esta data conmemorativa. «¡¡¡Cristialobos!!!…» está cheo de moitas referencias que cómpre explicar para a súa adecuada comprensión lectora e a súa contextualización.

Deseguida van unhas notas introducidas polo número do verso ao que remiten, antes de reproducir o longo poema de Antón Zapata García, que obviamente non se compilou no seu único libro A Roseira da Soidade (1954).

(v. 8) Referencias aos fascistas italianos e aos nazis alemáns que colaboraron con Franco. Rómulo e Remo: Irmáns xemelgos fundadores da cidade de Roma, que de pequenos foron amamantados por unha loba. Isto explica a alusión aos “lobos” que realiza Zapata.

(v. 10) Abisinia. Nome da actual Etiopía, que nunca fora colonizada, mantendo a súa independencia durante toda a repartición de África, agás un período de 1930 a 1941, cando estivo baixo a ocupación italiana. Lembremos que Zapata publica o poema en 1937, en plena ocupación de Abisinia.
Bélxica. Porén, a ocupación de Bélxica pola Alemaña nazi produciuse en maio de 1940, tres anos despois do poema de Zapata, polo que debe estar facendo referencia á ocupación alemana da Primeira Guerra Mundial, cando o 4 de agosto de 1914, unha semana despois do inicio da contenda, as tropas alemanas cruzaron a fronteira belga, ignorando o seu estatuto de neutralidade, nunha ocupación que rematou coa ofensiva aliada de setembro de 1918 que fixo asinar un armisticio aos alemáns.

(v. 16) Vaticán > Vaticano. Estado da Cidade do Vaticano, que alberga a Santa Sé, máxima institución de goberno da igrexa católica. O Vaticano apoiou o rexime de Franco, pois a guerra fora cualificada como «cruzada», e foi o primeiro estado en o recoñecer e instaurar relacións diplomáticas.

(v. 44) Guernica – Gernika, en éuscaro. A súa destrución inspiroulle o poema en castelán «Elegía a la Maite Guernica». Cidade que simboliza a identidade basca, foi destruída por unha chuvia de bombas o luns 26 de abril de 1937, entre las 16: 15 e as 19: 30 horas. A tese máis probable indica que a operación, ideada polo bando franquista, foi realizada pola Luftwaffe, a aviación da Alemaña nazi. Nesa altura, agás Cataluña e unha parte de Aragón, Euskadi era o único territorio do Norte que gardaba fidelidade á IIª República, nunha zona rica en mineral de ferro, fábricas siderúrxicas e asteleiros de importancia militar e estratéxica para os franquistas. A destrución de Guernica inspirou unha das pinturas máis célebres de Pablo Picasso.

(v. 47) A toma de Badajoz (Extremadura) foi un dos peores episodios da guerra civil. Centos de personas foron represaliadas en xullo, agosto e setembro de 1936. O historiador Hugh Thomas afirma que os lexionarios mataron a todo o que levaba armas, incluídos uns milicianos refuxiados no altar maior da catedral, que a cidade quedou sementada de cadáveres e que a praza de touros se converteu en campo de concentración, mais dubida da versión do masacre na época: «El 27 de octubre de 1936, en La Voz, de Madrid, se publicó una versión completamente falsa de esta matanza, en la que se acusaba a Yagüe de haber organizado una fiesta en la que se había fusilado a los prisioneros ante la flor y nata de la sociedad de Badajoz, y que tuvo efectos desastrosos, pues provocó represalias en Madrid».

(v. 48) A defensa de Madrid foi un suceso moi poetizado, velaí por exemplo este “serventesio épico” de Antonio Machado [1936]: ¡Madrid! ¡Madrid! ¡Qué bien tu nombre suena, / rompeolas de todas las Españas! / La tierra se desgarra, el cielo truena; / tú sonríes con plomo en las entrañas.
José Luis Abellán sinala «La revista Madrid nos testimonia la existencia de toda una épica surgida en torno a la defensa de la ciudad. Surge en aquel ambiente del primer ataque frontal el inolvidable cuarteto de Antonio Machado [é un serventesio que reproduce]. O el extraordinario poema “Ciudad sitiada”, de Emilio Prados: Entre cañones me miro, / entre cañones me muevo: / castillos de mi razón /y fronteras de mi sueño, /¿dónde comienza mi entraña / y dónde termina el viento? / ¿Dónde comienzas, Madrid, / o es, Madrid, que eres mi cuerpo?».

(v. 57) Pouco antes de Zapata publicar este poema prodúcese a consagración de España á Virxe do Pilar (Zaragoza) o 13 de maio de 1937, representando ao Estado ilexítimo o xeneral Miguel Ponte y Manso de Zúñiga, que desde o primeiro momento era vocal da Junta de Defensa Nacional, presidida por Miguel Cabanellas Ferrer, na que tamén era vocal Franco. Ao remate da guerra, o 12 de outubro de 1939, tivo lugar en Zaragoza a celebración oficial do “Día de la Raza”, presidida polo ditador Francisco Franco, que instaura a devoción á Virxe do Pilar como “Día de la Hispanidad” e o 29 de decembro de 1939 declara o Pilar “Templo Nacional y Santuario de la Raza”.

(v. 61) Tomás de Torquemada (Torquemada, Palencia, 1420 – Ávila, 1498). Primeiro “Inquisidor General del Tribunal del Santo Oficio” dos reis de Castela e Aragón no século XV. Dise que puxo o decreto de expulsión dos xudeus a sinatura dos Reis Católicos, malia non existir a certeza. O cronista español desa época, Sebastián Olmedo, defíneo como «el martillo de los herejes, la luz de España, el salvador de su país, el honor de su orden». O nome de Torquemada, como parte da lenda negra da Inquisición española, converteuse en alcume para a crueldade e o fanatismo ao servizo da relixión.

(v. 80-81) Espartaco (Tracia, 113 a.de C. – Lucania, 71 a.de C.). Gladiador tracio que encabezou a rebelión dos escravos contra Roma, sendo derrotado na batalla de Apulia (en italiano Puglia). Non se puido localizar o seu cadáver entre os miles de mortos. Os romanos decidieron dar unha lección ao mundo e todos os escravos prisioneiros foron crucificados ao longo do tramo da Via Apia entre Capua e Roma.
O Cirineo, segundo A Biblia, era unha persoa que “viña do campo”, de Cirene, unha poboación ao norte de África. O Cirineo axuda a Xesús a cargar a Cruz (Mt. 27, 32; Mc. 15, 21).

¡¡CRISTIALOBOS!!…

I
Ando buscando sempre unha parola
que teña máis valer que decir: ¡monstro!
unha parola que non sexa: ¡crime!,
unha parola que non diga: ¡noxo!…

Unha parola busco —¡xa fai tempo!—
pra condenal-os crimes dos faiciosos,
pra condenal-os fillos d-unha lumia:
¡os Rómul-Remos —lobos— i-os teutónicos

os que invadindo a Hespaña, traicioneiros,
—¡na Abisinia e na Bélxica vils dougos!—,
non pensaron, côs Xudas Iscariotes,
que os Imperos non campan dos histriónicos!

II
Non é, ¡non é!, a verba qu-eu arelo,
poider decir, berrándolle: —¡Petouto!—
a quen, poidendo, moito ben facere
fala do vaticán, e… ¡siga o choio!

Ê un algo terríbel que non hacho
no lenguaxe varil dos bardos nosos,
algo máis forte que, a Xehová, chamarlle
—¡Fillicida!, ¡protervo!, ¡paranoico!…

Un algo formidábel, despiadado:
Un ¡ACUSO! ferós, teratolóxico,
como a verba trenante de Isaías
restalando lostregos apostróficos!…

III
Eu fálovos do crime máis horribre
que non tên comparanza en ningún povo.
¡Algo eisí como un negro catacrismo
sideiral, de espanto mitolóxico!

Algo eisí como o istinto neroniano
que ollar quixo na entrana que enxendróu,
algo eisí como Herodes degolando
ôs probes inoscentes… ¡por un solio!

Algo eisí como cando Xesucristo
sofréu as vils cuspidas sobr-ô rostro:
¡As gárgolas desfeitas, dos empireos
e dos mares galgantes o balbordo,

soio poden falar de tal vileza,
furacando nos tímpanos dos xordos!:
¡Tornarán as cuspidas da inominia
âs faces espantadas dos seus donos!…

¿A pánica pavura apocalíutica?;
¿o Dioivo enxendrando maremoltos?;
¿o fogo devourando ôs numantiños?;
¡O feixismo, en Guernica, superóunos!…

¡Superóuse o feixismo, asesiñando
de Galiza ôs seus fillos lumiñosos!
¡superóuse na rexa Eistremadura
i en Madride invencíbel dos heroicos!…

IV
Non son de Atila os homes bestizados
oubeando, na Europa, como lobos:
¡Aquéles inda tiñan varonía!:
¡Son os mouros!, ¡os mouros!, ¡¡son os mouros!!

Son os fillos de… ¡Alá!, ôs que Sant-Iago
—o Nobre Pelengrino, o Dolce Apóstolo—
escorrentóu d-Hespaña, con parábolas,
e, agora, ¡os seus verdugos!, fan arrolos

e as Pilaras espúreas, desleigadas,
que visten de feixistas —¡marimonos
e mulas do pesebre contra Cristo!—,
soio arelan seus brazos impetosos…

Son os fillos de Franco e Torquemada
alcendendo as fogueiras dos oprobios:
¡a ruíña d-Hespaña diante ô mundo,
benzoada cô cuspe dos hisopos!.

V
¡Xurdiron, co-a traición, os Anti-Cristos
pra trocar Libertade en Manicomio!:
¡non pensar nin siquera que s-ê xente,
nin gruñar tan siquera como os cochos!

Non ser xente: ¡ser besta de espelunca!…
Non têr verbas nos beizos: ¡sô ferrollos!…
¡A calar!, ¡a calar!, ¡como as Esfinxes!:
¡C-ô silenzo das pedras e dos mortos!…

¡A calar!, ¡a calarse!… ¡que non ouzen!:
—¡Xa volve o Santo Oficio, c-ôs faiciosos!…—
¡Non chorar pol-os deudos, ¡tan siquera!,
nin axuda prestarlle ós probes horfos!…

Non ollar que a Alborada vai chegando
dos Dereitos Demócratas do Povo,
que a Hespaña oferdarán como tributo
os Novos Espartacos xenerosos!…

Mentras chega —¡xa van os Cirineos
co-a Crus da Libertá ceibando promo!—,
¡¡vel-haí têndes a verba que arelaba
pra máis ametrallarvos!! ¡¡¡CRISTIALOBOS!!!…

Source: As crebas

2017-10-11T16:57:01+00:00 11 / 10 / 2017|As Crebas|