Artigo en QPC (XLII): «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)»

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/As Crebas/Artigo en QPC (XLII): «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)»

Artigo en QPC (XLII): «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)»



(Nerio. Boletín informativo do Concello. Segunda Época. Número 1. Corcubión, abril de 1985. Premer na imaxe para a lectura deste número completo)

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para divulgar «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)». Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)

Resulta sorprendente que desde setembro de 1921, cando Nerio deixa de editarse, até o ano 1982 non aparecese en Corcubión ningunha outra publicación periódica, nomeadamente despois de termos falado nas anteriores entregas dunha feraz prensa local.

Descoñecemos as verdadeiras razóns que provocaron este longo silencio, porén poderían sinalarse dúas hipóteses. Pola banda de arca, o encarecemento do papel que se produciu naquelas décadas e a convulsa situación política: ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), a denominada ditabranda do xeneral Berenguer (1930-1931), II República (1931-1936), Guerra Civil (1936-1939) e ditadura do xeneral Franco (1939-1975), coa súa longa noite de pedra.

E pola banda de couso, Pepe Miñones, que era un mozo cando lle daba azos a aquela revista Nerio, vai estar envorcado na súa campaña para acadar a acta de deputado republicano, como así sucedeu e conta moi ben o investigador Luís Lamela na súa imprescindible biografía do deputado republicano corcubionés fusilado polo franquismo Pepe Miñones. Un crimen en la leyenda (1900-1936) (Edicións do Castro: 1991). Por parte, nesa década dos trinta a prensa coruñesa xa lle dedicaba moito máis espazo ás novas que se producían nas localidades da Costa da Morte e xa principiaban a ter colaboradores especiais e, andando tempo, tamén correspondentes.

Máis unha vez, Xesús Torres Regueiro no seu artigo «A prensa corcubionesa» (Nerio. Boletín Informativo do Concello. Segunda Época. Número 1. Corcubión, abril de 1985, páxs. 4-5) sinala «o último intento -fallido- de prensa comarcal, PERRACHICA, da que soio saiu un número no 1982».

A día de hoxe non puidemos localizar aínda ese número da revista Perrachica, aínda que sabemos que a alma mater do proxecto foi o mestre Ramón Vázquez Vale, quen daquela tamén estaba detrás dunha espléndida revista escolar chamada Carromeiro que se editaba no colexio público de EXB e hoxe CEIP «Eugenio López», aínda co nome dun sobranceiro franquista. O activismo cultural de Ramón Vázquez Vale «Monchente» tamén tiña moito que ver coa actividade teatral.

Nerio (1985): Recuperando a vella cabeceira dos anos vinte, en marzo de 1985 nace a última experiencia xornalística en papel, antes do dixital Que pasa na Costa. A publicación foi posta en andamento polo goberno municipal de Corcubión, que presidía o nacionalista Rafael Xosé Mouzo Lago (BNG), no ecuador da lexislatura 1983-1987, na que o BNG obtivera 8 actas de concelleiros/as e a Coalición Popular as 3 restantes.

Da miña autoría é a ficha sobre esta segunda etapa de Nerio no proxecto do Dicionario da Literatura Galega. Tomo II. Publicacións periódicas (1997), que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra. Velaquí a miña achega:

«Nerio. “Boletín informativo do Concello”, editado polo goberno muncipal de Corcubión con periodicidade mensual, aínda que irregular. Engade “Sefunda época” porque toma a cabeceira da anterior publicación, que saíu co mesmo nome nos anos 1920 e 1921. Sen embargo, foron totalmente diferentes. O número 0 desta nova etapa apareceu en marzo de 1985, prolongándose ata 0 7, de decembro do devandito ano. Estaba coordinada por X. M. Currás Rúa que, ademias, redactaba boa parte das seccións. Sen dúbida, a máis interesante delas é a que se titula “Nerio hai 65 anos”, de Xesús Torres Regueiro, onde se compila abundante información sobre aquela primeira época, con moitas referencias literarias. Polo demais, a maioría das páxinas están dedicadas a información sobre as diferentes actividades programadas polo concello de Corcubión. Artigos de historia local, ecoloxía, antimilitarismo, festas ou tradicións, conforman o contido habitual da revista. De cando en vez aparece algún texto de tema literario como o que glosa a Losada Diéguez, nas Letras Galegas dese ano, un artigo de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro e os textos sobre esta escritora de Xosefina López de Serantes, Manuel Iglesias Nimo, Rafa Villar e Artur Trillo, premiados nun certame do concello para lembrar o centenario da súa morte. Os artigos históricos de Francisco Carballo e do coordenador sobre Castelao completan o interese desta publicación que se redactaba integramente en galego, agás nos fragmentos tirados da súa anterior época nos que se respecta o orixinal.

Así remataba a miña anotación, lembrando o carácter monolingüe en galego da revista, tal e como este 7 de febreiro conmemoraba a AMEGA o Día dos Medios en Galego, porque hai 142 anos en Ourense saíu o primeiro número de O Tío Marcos d’a Portela.

Malfadadamente, máis unha vez, os exemplares que se conservan desta Segunda época da revista Nerio tamén están en diversas mans privadas (eu propio posúo unha colección á que lle falta un número), pois a monumental base de datos do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia (http://biblioteca.galiciana.gal/gl/inicio/inicio.do) non dispón de ningún exemplar dixitalizado. Sorprende que só dispoña dun único exemplar da primeira etapa de Nerio, cando a Hemeroteca da Real Academia Galega garda nos sus fondos: N. 1, 3; 1921: N. 9-13, 13 (erro nº), 15-17.

De Nerio (1985) sabemos que a Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela atesoura un exemplar do número 2 e a Biblioteca da viguesa Fundación Penzol outro exemplar do número 5. As imaxes que acompañan esta anotación proveñen do meu fondo persoal e recollen a totalidade do número 1, de abril de 1985, aínda que houbo un anterior número cero.

Source: As crebas

2018-02-09T12:46:32+00:00 09 / 02 / 2018|As Crebas|