Arraiano entre arraianos, Xosé Luís Méndez Ferrín

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Arraiano entre arraianos, Xosé Luís Méndez Ferrín

Arraiano entre arraianos, Xosé Luís Méndez Ferrín

Xosé Luís Méndez Ferrín

Arraiano entre arraianos

Positivas/Revista Arraianos, Santiago, 190 páxinas, 16 €

 

Saúdo con satisfacción esta proposta que pon Positivas en circulación, coa colaboración da revista Arraianos, impulsada por Aser Álvarez, responsable asemade dun dos limiares deste volume.  Arraiano entre arraianos, así pois, recolle un conxunto apreciable de colaboracións xornalísticas que Xosé Luís Méndez Ferrín  foi publicando, desde o ano 1979 ata practicamente hoxe, no xornal Faro de Vigo e, unidas, claro está, pola temática arraiana dun modo xeral. Non son todos os artigos de temática “arraiana” mais si talvez aqueles máis suxestivos e interesantes.

Organizados por un criterio de carácter xeográfico e, por tanto,  sen unha orde cronolóxica, os textos cómpre visitalos para saber máis e mellor xa non da Raia en que podemos estar pensando senón do concepto que vai máis ala do territorial e do fisico e que por veces entra no ámbito do emocional, aínda que ese espazo do que Ferrín fala ben se podería encadrar nun triángulo constituído entre Celanova, Montealegre e Arcos de Valdevez cunha capitalidade, igualmente emocional e histórica, que apuntaría á centralidade que simbolizan as terras do Couto Mixto.

Dá xenio visitar, ou revisitar estas páxinas nas que, no fondo, se articula unha ollada nova, e diferente, da Gallaecia, onde se dilúen tamén as fronteiras entre as xentes e os lugares, a natureza e os costumes, onde cobran unha nova natureza a historia e a memoria, o mundo literario e a cultura, as etimoloxías e os universos toponímicos e onomásticos, os xantares e as xentes que poboan este mundo, sempre as xentes como as que se reflicten, claro é, no libro Arraianos -a meu entender dos mellores libros escritos nunca- que, con esta achega cobra, malia que non o precise, outra nova dimensión e que apetece reler.

Se as páxinas de Aser Álvarez resultan de lectura obrigada non o son menos as que subscribe Xosé Benito Reza onde apunta, con brillantez que o carácter arraiano non ten que ver co fronteirizo, antes ben “impulsa a esborrallar a fronteira” e obriga a “choutar unha e outra vez, febrilmente, conscientemente, por riba da Raia”. Nesas andamos: choutando por riba da Raia.

 

 

Source: Caderno da crítica

2018-02-05T13:25:27+00:00 05 / 02 / 2018|Caderno da crítica|