Aqueles momentos que perdemos, de Xavier Estévez

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Aqueles momentos que perdemos, de Xavier Estévez

Aqueles momentos que perdemos, de Xavier Estévez

360_9788416834167-aqueles-momentos-que-perdemos.jpgXavier Estévez

Aqueles momentos que perdemos

Oqueleo, Santiago de Compostela, 242 páxinas, 10,75 €

 

Xavier Estévez acaróase, nestas páxinas, ao xénero da distopía, construíndo unha novela protagonizada por dúas adolescentes -Ela e mais Sara- nun contexto en que o avance teimudo cara a ningures, derivado dunha situación caótica que provoca a perda da memoria que sofren as persoas, vai erixirse como un eixe operativo para reflexionar sobre o que a memoria é,  sobre o seu significado na vida cotiá, sobre as consecuencias que pode carrexar perdela. Ela, esa co-protagonista desnortada mais ao tempo afouta, goza ao seu favor de posuír unha sorte de “voceciña” -chámeselle conciencia ou  rescaldo do que da memoria queda- que contribúe a evocar o acontecido o día anterior e, tan só, mais algúns retallos do pasado. Será o medo e a desconfianza o que a mantén con vida mais, ao tempo, o devezo solidario de coidar de Sara: unha nena, símbolo da inocencia, que atopa desvalida e de quen termará solidariamente.

Teño para min que a novela, á marxe de certas cuestións que afectarían á verosimilitude, ou non, do punto de vista que, con todo, gaña a complicidade ao pouco que nos adentremos nel, avanza con ritmo na medida en que se xoga con elementos que turran do ánimo para seguir e ser quen de responder moitas preguntas, que nalgúns casos quedan conscientemente sen responder. Coa bandeira do medo e da desconfianza, como única formulación que posibilita mantérense vivas nun contexto adverso e hostil, mesmo en ocasións con personaxes e animais que transitan feroz e intempestivamente dun lado a outro, creo que Estévez consegue unha historia lograda que adopta un estilo narrativo conciso, breve e depurado, ao tempo distante dunha exposición complexa e moi efectiva no que atinxe ás descricións, ao desenvolvemento da trama e aos diálogos. Abondosa en períodos curtos, coma se a protagonista -sempre en movemento- non atopara máis palabras para poder expresarse, fainos pensar na relevancia que se lle outorga á linguaxe como ferramenta para estruturar o pensamento pois tras a súa desaparición, afírmase, as últimas pegadas da memoria fuxirán, en definitiva, un deses trazos que nos caracteriza entre os seres vivos.

Non quixera esquecer a plasmación, tan diáfana, da hostilidade que rodea a vida das protagonistas: esa violencia, ás veces irracional, que se apropia dun mundo no que o relevante é sobrevivir, aínda que sexa a custa doutros conxéneres. E tamén un acerto esa sensación percibida de continua soidade, de abatemento, de non entender as razóns que nos conducen a unha situación incomprensible pero, ao tempo, posible. Un libro, en definitiva, que reivindica un elemento esencial para sermos como somos, isto é, a memoria, mais tamén repara na relevancia que posúe formularse a necesidade de combater a soidade e gardar fidelidade a uns principios. Novela, en fin, que propicia o o proceso de interrogarnos a nós mesmos sobre o aquilo que a ficción nos formula, o que entendo como un indiscutible mérito.

 

Source: Caderno da crítica

2019-10-29T15:30:04+00:00 29 / 10 / 2019|Caderno da crítica|