Aprende banda deseñada con Fiz, de Kiko da Silva

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Aprende banda deseñada con Fiz, de Kiko da Silva

Aprende banda deseñada con Fiz, de Kiko da Silva

w-423_num1_xjmu-h_033Kiko da Silva

Aprende banda deseñada con Fiz

Xerais, Vigo, 56 páxinas, 12,90 €, 2019

 

Un é deses docentes que aprendeu a valorar a relevancia da banda deseñada como ferramenta educativa, mais tamén como lector, da man de Agustín Fernández Paz naquel admirable Para lermos cómics (1984) e, posteriormente, n´Os cómics nas aulas, nos numerosos artigos que subscribiu sobre o asunto e mais na experiencia compartida con el na elaboración de libros de texto.

Dun ou doutro xeito, e abrazando esa liña divulgativa, Kiko da Silva volve retomar ese personaxe chamado Fiz -un neno rebuldeiro, cheo de simpatía e cunha tendencia irrefreable ao escatolóxico- para que, xunto con Puri, nos leven da man, con humor, grazas a este Aprende banda deseñada con Fiz polo universo do cómic a través xustamente dese mesmo formato.

Convídase, así, a facer unha viaxe que recala na historia do xénero e as súas orixes -desde os códices maias ás voces pioneiras ata o manga xaponés-, pasado por consellos para montar un estudio de debuxo, desvelando as diferentes técnicas creativas e os materiais que se deben empregar, alén de incorporar numerosas propostas prácticas para crear personaxes, traballar as expresións faciais e realizar gags humorísticos ou achegarse aos diferentes estilos gráficos, cal debe ser  o tratamento das viñetas e o seu tamaño, en que consiste iso da documentación previa, como son os planos ou que é o traballo do guión entre outros aspectos, para concluír cun decálogo para ser autora ou autor de cómics que ben vale para toda práctica creativa.

Imprescindible este traballo de Kiko da Silva para calquera biblioteca e aínda máis para as bibliotecas educativas, non o dubido.

Source: Caderno da crítica

2019-07-15T09:36:43+00:00 15 / 07 / 2019|Caderno da crítica|