Antonio Fraguas, mestre da memoria, de Malores Villanueva

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Antonio Fraguas, mestre da memoria, de Malores Villanueva

Antonio Fraguas, mestre da memoria, de Malores Villanueva

Malores Villanueva

Antonio Fraguas. Mestre da memoria

Galaxia, Vigo, 200 páxinas, 10,70 €, 2019

 

A investigadora, editora e profesora Malores Villanueva aborda unha investigación de profundidade, malia que en aparencia presente unha intención divulgativa, sobre a figura e mais o legado de Antonio Fraguas, protagonista do Día das Letras deste ano.

O ensaio, que recolle con acerto no subtítulo dous termos clave na descrición do seu legado como son a indiscutible e perenne vocación docente e os ecos que xera a memoria, paréceme sustentado nun inequívoco esforzo de documentación, de revisión da correspondencia conservada, de entrevistas e horas de lecturas en bibliotecas e hemerotecas. A ordenación do material obtido revela o trasmundo do autor e axuda a entender no seu contexto moitas das súas circunstancias vitais e intelectuais. Aplicando un criterio cronolóxico, exhíbese unha indubidable habilidade narrativa para percorrer os anos iniciais de Fraguas nese territorio de Cotobade, presente nel sempre, ata o seu pasamento en Compostela: unha cidade igualmente clave como o foron Lugo e Pontevedra. Non se esquece deseñar un achegamento rigoroso tanto ao seu perfil humano, onde se inclúen algúns datos rigorosamente inéditos, como ao profesional e investigador, con especial atención á súa militancia galeguista, ao labor que desenvolveu no Seminario de Estudos Galegos ou, anos despois, no Museo do Pobo Galego, man a man coas súas investigacións de carácter histórico, xeográfico ou etnográfico.

Salienta a biógrafa valores no autor como os da entrega, constancia e humildade. Afirmacións indiscutibles ás que me semella acaído, tras a lectura deste traballo, engadir as da discreción e, dalgún xeito, a ausencia de rancor diante de experiencias que sufriu como a do expediente de depuración que tivo que afrontar ou  a obriga a que foi sometido de limpar, publicamente e con sosa cáustica, as pintadas a prol do Estatuto na vila da Estrada.

Este “onde o mundo se chama Antonio Fraguas” é unha completa singradura pola vida de alguén que abrazou con entusiasmo causas que cómpre sempre evocar.

 

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 5 de abril de 2019.

Source: Caderno da crítica

2019-04-07T11:32:11+00:00 07 / 04 / 2019|Caderno da crítica|