Antonio Fraguas. A cultura como forma de vida, de Nieves Herrero e María Xesús Nogueira (coords.)

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Antonio Fraguas. A cultura como forma de vida, de Nieves Herrero e María Xesús Nogueira (coords.)

Antonio Fraguas. A cultura como forma de vida, de Nieves Herrero e María Xesús Nogueira (coords.)

cover.jpgNieves Herrero e María Xesús Nogueira

Antonio Fraguas. A cultura como forma de vida

Universidade de Santiago de Compostela, Santiago, 266 páxinas, 20 €, 2019

 

Unha das publicacións anuais centradas na figura homenaxeada no Día das Letras Galegas é a que se ofrece na serie Día das Letras Galegas que publica a Universidade de Santiago de Compostela, ao abeiro do Departamento de Filoloxía Galega da devandita institución académica.

Nesta ocasión, Antonio Fraguas. A cultura como forma de vida, publícase baixo a responsabilidade das profesoras Nieves Herrero e María Xesús Nogueira que homenaxean a quen, ademais, foi alumno desta universidade, dedicou a súa tese de doutoramento ao colexio de Fonseca e foi docente na Facultade de Filosofía e Letras da USC, impartindo disciplinas como foron Historia Universal, Historia de España e Xeografía.

Esta compilación ensaística organízase, na que se deposita moita atención e coidado no que se refire á reprodución de documentos persoais de Fraguas, fotografías ou cubertas de diversos libros, en dúas partes. A primeira aglutina estudos que se aproximan a diversos  aspectos de carácter biográfico e que ofrecen achegas a momentos e facetas da vida do homenaxeado como son a análise da amizade con Otero Pedrayo, a súa militancia nacionalista, a súa atención ao patrimonio cultural galego, a produción bibliográfica de Fraguas na etapa lucense ou unha visión sobre a súa docencia e a querenza pola etnografía a cargo, respectivamente, de Patricia Arias, Justo Beramendi, Fátima Braña, Adolfo de Abel Vilela e X. M. González Reboredo.

A continuación é a análise da obra antropolóxica o foco de atención da segunda parte con achegas de Ana Acuña, Elena Freire, José Luís Forneiro, Xaquín Rodríguez, Xoán Carlos Sierra e Manuel Vilar Álvarez, incorporando visións que van desde a propia de  especialistas en lingua e literatura ata as de salientables  divulgadores de antropoloxía sociocultural.

Beizón por esta achega, rigorosa e completa, que desvela aspectos relevantes da biografía e da obra do homenaxeado neste 17 de maio.

 

 

 

Source: Caderno da crítica

2019-05-17T08:40:34+00:00 17 / 05 / 2019|Caderno da crítica|