Andrea López Chao, unha mestra mindoniense pioneira do feminismo en Cuba

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/Andrea López Chao, unha mestra mindoniense pioneira do feminismo en Cuba

Andrea López Chao, unha mestra mindoniense pioneira do feminismo en Cuba

Andrea López Chao (Eco de Galicia, nº 189)

Andrea López Chao (Eco de Galicia, nº 189)

Grazas a María Xosé Porteiro e á súa novela Sándalo (Ed. Galaxia, 2019) volve á actualidade, e ben está que se relembre, a extraordinaria biografía dunha mindoniensa pioneira do feminismo en Cuba e da historia universal deste movemento. Hai cousa dun ano, o xornalista Martín Fernández Vizoso xa publicara unha semblanza en La Voz de Galicia, edición A Mariña, con data 6 de maio de 2018. E hai moito tempo máis, en 2007, Prudencio Viveiro Mogo xa incorporara o seu nome ao Ábum de Mulleres de culturagalega.org

Desgraciadamente, de Andrea López Chao pouco sabemos, agás que naceu en Mondoñedo, en data e lugar que aínda non averiguamos. Antes de emigrar exerceu como mestra en 1897 en Paradavella, A Fonsagrada, logo, en 1898, na escola de Lindín e despois en Couboeira e Viloalle, as tres últimass parroquias do concello de Mondoñedo.

En seguidiña, xa viúva dun tal Ares, marchou a Cuba onde exerceu como profesora por oposición e directora na escola primaria do Centro Galego e, a partir de 1904, como directora e subdirectora do Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana, sanatorio da sociedade Hijas de Galicia creado en 1924. Nese Plantel formouse, entre outras moitas mulleres galegas, a excelente docente e pedagoga, nacida en Muras, Antía Cal.

Participou nos movementos sociais nacidos dentro da sociedade e colaborou activamente coas inquedanzas feministas da época, promoveu e dirixiu, como vicepresidenta segunda desde 1919 (ata este ano as mulleres tiñan prohibido ser directivas), a Asociación Hijas de Galicia, un colectivo fundado en 1917 para atender as necesidades das mulleres que carecían, por exemplo, de atención sanitaria. Hijas de Galicia dedicouse a prestar axuda e atención a mulleres galegas, prostituídas moitas delas, reas da cadea e de carencias básicas como a atención médica ou en situación de desamparo.

Como vicepridenta de Hijas de Galicia participou como relatora no I Congreso de Mujeres de Cuba, organizado polo Club Femenino de Cuba e celebrado na Habana entre o 1 e o 6 de abril de 1923. No seu discurso deixou patente a desconsideración social cara a muller por parte dun machismo enquistado. Defendeu a familia como alicerce básico para resolver os problemas, institución, segundo ela, capaz de rexenerar e equilibrar a sociedade por medio da educación e do santuario da tradición. Considera a muller eixe transformador das familias, e parte decisiva na conformación dunha sociedade mellor.

Unha intervención (pódese ler completa neste enlace) que agora poderíamos calificar como conservadora pero que naquel entón significaba unha chamada de aire fresco para un cambio radical do rol das mulleres na familia e, como consecuencia, na sociedade, para mudar o signo machista daquel tempo.

©Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-05-26T16:43:02+00:00 26 / 05 / 2019|Caderno de campo|