ANDEL DE NOVIDADES (3) Edicións Xerais

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/ANDEL DE NOVIDADES (3) Edicións Xerais

ANDEL DE NOVIDADES (3) Edicións Xerais

Beatriz Maceda vai pouco a pouco entrando con solidez no mundo da nosa LIX. Sen facer moito ruído, pero con propostas atraentes está a consolidarse no complexo mundo da narrativa galega. Desta volta, aparece un suxestivo íitulo da súa autoría: Lúa en Ningures. Un relato sólido no que Lúa percorre acotío a mesma rúa que a leva ao colexio. Alí están a pastelaría, a tenda de xoguetes ou o bar onde o seu avó xogaba ao xadrez. Pero un día estas casas empezaron a desaparecer, esnaquizadas. Lúa e a súa familia teñen que fuxir do horror da guerra e instálanse en Ningures, un campo de refuxiados… (Col. Merlín).

Benvida, Rosa Aneiros, unha vez máis ao mundo da LIX galega. Unha escritora necesaria polas propostas que nos presenta. O seu novo libro, Orestes perde o sentido! é unha historia moi orixinal e divertida que aborda o tema da seguridade viaria. Cando unha mañá Orestes sae da casa atopa todo demasiado estraño, coma se o mundo tolease. De súpeto, ve a súa irmá pequeña soa na beirarrúa e cóntalle que conseguiu fuxir  do rei Koopa, pero que debe regresar axiña ao Castelo onde estivo secuestrada. A partir dese momento, Orestes inicia unha disparatada carreira… (Col. Sopa de Libros)

Os que seguimos a traxectoria de Héctor Cajaravilleestamos encantados cando ve a luz un novo libro escrito por el. Persoa sen complexos literarios de ninguna clase escribe con respecto e agarimo tanto para adultos coma para a infancia e a mocidade. O ano 2019 terá a Antón Fraguas, como figura das Letras Galegas. De aí que Héctor Cajaraville nos presente este Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo, un achegamento a un dos grandes persoeiros da cultura do século XX. Un mestre que se dedicou con paixón ao estudo de Galicia como territorio, como pobo, como país cunha curiosidade insaciable. (Col. Merlín)
Sen ninguna dúbida, hai que ler a triloxía AKTUAL de Ramón Caride. Remata a mesma con este terceiro título, Singamia 1.1, un conxunto de relatos, coma os anteriores(Exogamia 0.3 e Endogamia 0.2) moi documentados, suxestivos, abertos e polémicos sobre os temas máis candentes do noso tempo. Neste terceiro volume, o autor amosa o papel das máquinas hoxe. Nestas narracións notamos que esas máquinas  adiantan  as nosas necesidades e decisións, coñecen todo de nós. Obsérvannos ata facernos transparentes, invaden as familias, a saúde, a reproducción, as relacións persoais…Mesmo, os soños.  (Col. Fóra de Xogo)

                                                                                                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

Source: Versos e Aloumiños

2019-03-08T10:54:00+00:00 08 / 03 / 2019|Versos e aloumiños|