Amazonía

2038. Ano 1 da Nova Era. Os estudantes do derradeiro curso de Educación Primaria da Escola Amazon and Co. poñen as gafas de Realidade Confirmada nas súas casas que os conecta á Rede Universal Educativa Prescriptiva de Coñecementos Esenciais. A clase de hoxe, que lles entrará directamente no Bulbo Raquídeo logo da inxesta das tres pastillas (os científicos de Sillicon Valley traballan para reducila a unha única pastilla, A Pastilla, pero a cousa vai lenta) conectarán os seus cerebros á Rede e á Sede de Amazon, para o noso caso, en Santiago, no terreo que antes ocupaba a Catedral de Santiago, agora levada, pedra a pedra, á Cidade da Cultura, que só conserva, agora, un edificio dedicado a Big Data (aí hai un arquiviño, poucos megas en realidade, que recollen aquel vestixio arqueolóxico que a Amazonpedia chama, “cultura gallega”), e así deixar entrar nos seus cerebros en formación, o novo protocolo de consumo automático, sen teclado, e que se anticipa aos desexos de compra (incluídos os inconscientes) do Consumidor (antes chamado, nos Séculos Escuros, O Cidadán).

Na Nova Era os habitantes de Amazonía (antes chamado Terra) recitan, ao se erguer, a Oración. Fano orgullosos porque a Paz se conseguiu na terra. A clave estaba en que se asumise (custou un par de guerras atómicas: a bomba H agora é Bomba A por obvios motivos) que (e recitamos parte da Oración): a Uniformizacón é boa, a Igualdade é o mesmo dereito ao Catálogo de Produtos, e que só en Amazon e dentro de Amazon e grazas a Amazon a Plenitude pode ser. O Cerebro (antes chamado Goberno) é quen de sentir a enerxía positiva unánime que a Humanidade manda ao mesmo tempo (en dous intres diferentes, segundo o Hemisferio no que habiten) mentres millóns de gorxas berran a Oración e que fan que Harmonía e Cobertura señoreen a realidade.

Non poderiamos afirmar que agora, na Nova Era, suprimidos os países, as culturas, as diferencias, os matices, os sotaques, as circunstancias, as aristas, as cores, os dicires, os cantares, a xente é feliz. Non o podemos dicir porque Felicidade, Matria, Identidade, Destino, Amor ou Alegría non se atopan no Catálogo, e polo tanto, son, filosoficamente, indefinibles. O que si sabemos é que se chegou a isto coa complicidade de todas e de todos.

E xa ninguén sabe que é a Vida.

(Este artigo foi publicado no semanario Sermos Galiza do pasado 15 de febreiro de 2018)

Source: A canción do náufrago

2018-02-26T12:47:31+00:00 26 / 02 / 2018|A Canción do Náufrago|