Aira Editorial, unha nova frábrica de soños

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Aira Editorial, unha nova frábrica de soños

Aira Editorial, unha nova frábrica de soños

Salutación e beizóns para e por este novo selo editor que nestas datas vén de nacer en Allariz. Una nova editorial independente que chega da man da experiencia lectora de tres lletraferits, César Lorenzo Gil, Miguel Robledo Miguel Mosquera. E que quere ser unha nova fábrica de soños, un punto onde a imaxinación se converta en belezas de papel como din na súa presentación. Un novo proxecto editorial que publicará libros en galego, nun intre no que tantas arremetidas estamos a escoitar contra as linguas nacionais por parte de partidos que coas súas posturas, que lembran ao monolingüísmo franquista, están a gañar votos. Fronte a xenreira que iso produce en todos  os que amamos a lingua de noso, o idioma propio de Galicia, a nova de que acaba de nacer na vila sueva de Allariz, é un reconforto e un estímulo para confiar en que a profecía das mil primaveras para o galego non será unha van utopía.

O proxecto que é Aira Editora aposta por un traballo case de artesáns, máis alternativo ca o das editoras  xeralistas. E como mostra, as súas tres primeiras publicacións das que dou noticia cun comentario soamente informativo tirado das respectivas presentacións editoriais. Con tempo volverei a algunha delas para a súa valoración crítica.

 

Curiosidade

Estíbaliz Espinosa

Ilustracións de Celsius Pictor

Aira Editora, Allariz, 84

 páxinas

 Sinopse:

 “Simbiose poemas prosa poética” é o subtítulo desde libro ben especial da escritora e tradutora Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974). Velaquí a sinopse que nos ofrece Aira Editora: “A poeta observa o mundo. A poeta esculca co ollo apegado ao telescopio do universo. A poeta contempla a través do microscopio a harmonía e o caos das moléculas. A poeta mira e escribe. Estíbaliz Espinosa proponnos en Curiosidade que cambiemos o punto de vista sobre as cousas para encontrar unha nova ollada. A relación entre literatura e ciencia. O pulso da vida e a experiencia destiladas até dar coa palabra, co verso perfecto.”

Curiosidade é a primeira obra da colección Fina Rei, que reúne obras de poesía escritas por mulleres.

A poeta observa o mundo. A poeta esculca co ollo apegado ao telescopio os misterios

A autora:

A Coruña, 1974, ano da mensaxe dende o radiotelescopio de Arecibo. Escritora, tradutora, músico. Publicou varios libros de poemas, moitos como expresión da cultura única que hibrida ciencia e humanidades [-orama, número e, Zoommm.Textos biónicos, Papel a punto del. Obtivo premio como o Esquió ou o Espiral Maior. Escribe e publica relatos e ensaio.É astrónoma afeccionada; interésalle a constelación que une tecnoloxía, ciencia, linguaxe e maternidade.

 

Vidas imaxinarias

Marcel Schwob

Traducción de Samuel Solleiro

Limiar de Xosé Miranda

Ilustracións  de Jacobo Fernández Serrano e vinte e tres ilus e ilustradoras

Aira Editorial, Allariz, 2017, 178 páxinas.

 Sinopse:

Un clásico da literatura francesa. Un libro que creou todo un xénero: o da biografía literaria, máis rica, máis ambiciosa, máis divertida, máis evocadora. Ao longo dos séculos, Marcel Schwob vai procurando a esencia das paixóns da humanidade mediante unha poderosa imaxinación e un xeito de escribir baseado na beleza, na claridade e na destreza no uso dos recursos narrativos. Personaxes reais e inventados que conseguen grazas a esta obra un lugar perenne na eternidade.

«En todas as partes do mundo hai devotos de Marcel Schwob que constitúen pequenas sociedades secretas» (Jorge Luis Borges).

«Schwob é un dos escritores venerados pola clase dos aventureiros pasivos, e os seus devotos parécense aos do satanismo, que en diversas circunstancias recorren ás invocacións máis suxestivas da nigromancia» (Pierre Mac Orlan).

O autor:

Marcel Schwob (1867-1905). É un dos máis importantes escritores en lingua francesa de todos os tempos a pesar de ter escrito poucas obras. Está considerado un dos renovadores da literatura de aventuras. Discípulo de Robert Louis Stevenson, a súa narrativa destaca pola imaxinación, a precisión do seu estilo e a capacidade de evocación. Dise del que é un lector metido a escritor e de aí que conecte tanto cos lectores máis ávidos, aqueles que están a descubrir todas as posibilidades da literatura como xeito de vivir máis vidas que a propia vida. A súa obra cumio é Vidas imaxinarias, agora publicada por Aira. Outros dos seus libros máis recoñecidos son A Cruzada dos nenos e O libro de Monelle.

 

Alter-Nativo

Jorge Campos

Formato acordeón en dobre cara a cor

Aira Editora, Allariz, 2017, sen paxinación.

Sinopse:

Unha illa misteriosa na que ocorren cousas extraordinarias. A que parece imposible darlle a volta a este argumento e construír con el unha historia orixinal? Pois Jorge Campos conségueo con esta banda deseñada diferente desde todos os puntos de vista.

Un cómic sen palabras con moitos niveis de lectura. Universos paralelos, un personaxe que vai decidindo que facer e como naqueles libros de «Escolle a túa propia aventura» nos permite saber que lle pasou tras calquera das súas decisións. Un labirinto narrativo que se estende como as páxinas deste libro en forma de acordeón sobre a mitoloxía popular sobre illas misteriosas. O ilustrador galego é quen de cinxir unha morea de referencias, desde Verne a Stevenson, de Defoe a Homero, de Pinocho e Moby Dick a Lost e O Señor das moscas.

O autor:

Jorge Campos Sánchez, alias o Ilustratecto. Naceu en Ourense no 1982. É licenciado en Arquitectura pola Universidade da Coruña e técnico superior en Ilustración pola Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense.

Como ilustrador, o seu traballo céntrase no ámbito do cómic, a ilustración infantil e xuvenil e o deseño. Obtivo o primeiro premio do Certame de Cómic de Cangas en tres edicións consecutivas (2015, 2016 e 2017), así como o primeiro premio no concurso para ilustrar o mural do Museo da Música de Barbadás. Realizou ilustracións para web e traballou no deseño de logotipos, carteis, camisetas e calendarios. Tamén participou en varias exposicións colectivas e revistas e mesmo impartiu algún curso de cómic.

Como arquitecto, traballou para varios estudios, entre eles o de Pernas Varela Arquitectos, formando parte do equipo gañador do Premio Juana de Vega de Arquitectura no ano 2011. Tamén colaborou con outros profesionais na realización de planos e infografías.

Actualmente é socio traballador en 7H Cooperativa Cultural e colabora de forma habitual en actividades culturais colectivas, fanzines e con varios estudios de arquitectura, todo iso compaxinado co desenvolvemento de proxectos propios e encargos persoais.

Alter·Nativo é o seu primeiro libro publicado.

Source: NOVENOITES

2018-02-15T19:59:20+00:00 15 / 02 / 2018|Novenoites|