AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ E A SÚA HOMENAXE EXPLÍCITA A LOVECRAFT

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ E A SÚA HOMENAXE EXPLÍCITA A LOVECRAFT

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ E A SÚA HOMENAXE EXPLÍCITA A LOVECRAFT

Agustín Fernández Paz (1947-2016)

Durante os meus anos de estudante de instituto, unha das poucas novelas que foron lecturas obrigatorias na clase de galego que me resultaron de verdadeiro interese foi Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. Publicada en 1995 na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais, esta obra curta era, en palabras do propio autor, “unha homenaxe explícita a Lovecraft.” Para min supuxo unha introdución ao universo lovecraftiano. Eu xa estaba interesado na literatura de terror e misterio e xa lera textos de Edgar Allan Poe, Sir Arthur Conan Doyle ou Bram Stoker, pero quen seria ese Lovecraft de quen se falaba na novela? Comecei a investigar na impresionante biblioteca dos meus pais e alí atopei a resposta, como case sempre, e entón puiden ler eses inmortais Mitos de Cthulhu polos que sempre será lembrado o escritor estadounidense.

H.P. Lovecraft


Cartas de inverno, narrada a través desas cartas ás que fai referencia o título, foi tamén unha das primeiras obras, antes de ter a oportunidade de ler (e entender) o Quixote cervantino, que me presentaron o concepto da metaficción, esa literatura que fai explícito o xeito en que se constrúe. Relendo a novela varias décadas despois daquela primeira lectura, resúltame evidente que no é soamente unha homenaxe a H.P. Lovecraft, senón tamén ao magnífico escritor inglés de historias de pantasmas M.R. James, e especialmente ao seu relato “The Mezzotint” (“O gravado”), xa que un gravado é tamén un elemento primordial na trama de Cartas de inverno. A relectura desta obra—que sempre me semellou curta de máis—inspiroume a creación dun vídeo no que ofrezo un comentario crítico en maior profundidade e que deixo aquí debaixo para quen teña interese en velo. Agardo que vos interese e que vos faga tirar do andel esta magnífica novela de Agustín, todo un clásico xa dentro da literatura galega.



                                                                                 ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

Source: Versos e Aloumiños

2019-09-17T17:08:00+00:00 17 / 09 / 2019|Versos e aloumiños|