Agradecer! Premios da Crítica 2017

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/O Lugar do Sapo/Agradecer! Premios da Crítica 2017

Agradecer! Premios da Crítica 2017

Xa con máis calma, sen os nervios de ter que falar diante de 360 persoas e superada a sorpresa, desexo repetir, matizar e completar as miñas palabras para agradecer o premio da Crítica de Galiza 2017 na súa modalidade de creación literaria.

Reiterar a miña forte aperta aos outros finalistas: Daniel Asorey –a quen onte tiven a sorte de coñecer en persoa –pola súa novela Nordeste, e Quique Alvarellos, representante da editora que nos agasallou unha nova e imprescindíbel edición do De catro a catro de Manuel Antonio.

Con Daniel Asorey e Quique Alvarellos

Tratábase esencialmente de agradecer. Primeiro aos meus amigos e ás miñas amigas, a esa rede invisíbel que me suxeita e me anima a continuar. Os que onte puideron estar comigo e vivir esta alegría en primeira persoa e os que agardaban –impacientes –novas a través das pantallas de teléfonos e computadores, en especial as miñas queridas Malvadas & Carabullas.

Con Mario Regueira (Foto de Manuel Forcadela)

Agradecer tamén ao xurado, formado María do Cebreiro, Marcos Calveiro, Manuel Forcadela, Diana Pastoriza, Mario Regueira, Armando Requeixo e Eulalia Agrelo Costas. Repito que non sei se foi unha escolla acertada. En todas as decisións deste tipo hai sempre unha gran dose de subxectividade. Mais creo que foi unha decisión valente. Primeiro por seleccionar tres outsiders como finalistas. Despois por outorgar o premio a unha novela tan marcadamente de xénero e tan afastada da nosa xeografía física e literaria. Unha novela que fabula os derradeiros días dun frikie, escrita por un frikie e publicada por outr@s marabillos@s frikies coa intención de que puidesen gozala tanto frikies como non frikies. Agradecer a todas e cada unha das persoas que participaron neste traballo colectivo: Tomás González Ahola na edición; Raquel Vila Amado (veciña da miña querida Nogueirosa) e David Cortizo na revisión lingüística; José María Picón como autor da cuberta; asi como a Andrea Jamardo e demais persoal de Urco Editora.

Durmindo o persoal

Desexo tamén facer extensíbel estes agradecementos a Auga Editora, que levou este texto ao español, en especial a Mercedes Pacheco (encargada do extraordinario traballo de tradución), así como a Llerena Perozo, Xosé Antonio Perozo, Estefanía Cabanas e Jaime Asensi.

O Bieitiño en Monte Alto

Onte sentinme un chisco intruso. Primeiramente por ser Querido H.P. Lovecraft a miña primeira novela pensada para un público exclusivamente adulto, sendo eu un autor de literatura infantil e xuvenil, eido no que me sinto máis cómodo. Despois, por facer unha aproximación temeraria a unha figura que me era allea, pois nunca fun un grande admirador de Lovecraft e moito menos de Robert E. Howard.

Eu cheguei ao terror cósmico da man de Agustín Fernández Paz, que cultivou marabillosamente ben este subxénero en obras como Aire negro, Cartas de inverno ou A neve interminable. A derradeira conversa virtual que tiven con Agustín foi para lle preguntar se podía utilizar unha cita do seu Aire negro no comezo da novela. El aceptou encantado e transmitiume as súas ganas por ler o meu texto. Até onde eu sei, non lle deu tempo a facelo. Así que este premio vai tamén por ti, mestre!

Source: O Lugar do Sapo

2017-11-05T12:07:28+00:00 05 / 11 / 2017|O Lugar do Sapo|