Abecedario de Ricardo Carvalho Calero, de Rafael Fernández Lorenzo

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Abecedario de Ricardo Carvalho Calero, de Rafael Fernández Lorenzo

Abecedario de Ricardo Carvalho Calero, de Rafael Fernández Lorenzo

abecedario_carvalho_web.jpgRafael Fernández Lorenzo

Abecedario de Ricardo Carvalho Calero

Morgante, Cangas do Morrazo, 106 páxinas, 14 €, 2019.

 

Continúan a aparecer achegas ensaísticas e divulgativas arredor da figura e mais da obra de Ricardo Carvalho Calero. A última, que de certo non será a derradeira, vén da man de Rafael Fernández Lorenzo baixo o título de Abecedario de Ricardo Carvalho Calero, publicado pola canguesa Edicións Morgante.

Hai algúns anos resultaban habituais este tipo de publicacións, polo xeral vinculadas coa autora ou autor que protagonizaba o Día das Letras. Tras un período en que se detecta facilamente a ausencia deste tipo de proxectos alégrame a aparición deste volume que, en forma de manual e baixo unha concepción divulgativa, incorpora diversas acepcións, ordenadas por un criterio alfabético, que se nuclean arredor do que ben poderiamos denominar “universo Carvalho Calero”.  Velaí, así pois, máis de cincuenta entradas a percorreren con rigor e documentación, aplicando o criterio da síntese expositiva, os principais socalcos biográficos, ideolóxicos e creativos do autor ferrolán.

O libro prológase cun texto interesante, en clave biográfica mais ao tempo valorativa, que vén da man profesor Francisco Rodríguez Sánchez. Alí, entre outras cuestións, subliña que Carvalho “foi realmente o fundador da crítica literaria galega e sobre literatura galega”. Abofé que así foi e creo que a crítica literaria galega actual debería telo moi presente. Este volume serviu para recordalo e, ao tempo, para seguir camiñando na precisa difusión do universo Carvalho nas vésperas do ano que centrará unha merecida atención mediática e cultural.

Source: Caderno da crítica

2019-12-02T11:09:35+00:00 02 / 12 / 2019|Caderno da crítica|