A utopía que diluíu o vento, de Suso Díaz

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/A utopía que diluíu o vento, de Suso Díaz

A utopía que diluíu o vento, de Suso Díaz

A-utopía-que-diluíu...Suso Díaz

A utopía que diluíu o vento

Positivas, Santiago de Compostela, 86 páxinas, 10 €, 2019

 

Compara Méndez Ferrín, no limiar deste novo libro de Suso Díaz, o Couto Mixto coa vila escocesa de Brigadoon, que se esvae cada cen anos entre a néboa e reaparece coma se o tempo non pasase, e mesmo con Castroforte do Baralla, de Torrente, que levita no éter e, tras un tempo, volve apousentarse na terra. Efectivas e acaídas comparacións para falar d´A utopía que diluíu o ventoprimeiro libro de poemas, que saibamos, nucleado por volta do sempre esquecido e bretemoso Couto Mixto, que si fora asediado por pezas narrativas da man do propio Ferrín, García-Mañá e outras voces.

É deste xeito como o autor arraiano se mergulla nun territorio particular da man da memoria particular e comunal e cun rexistro lingüístico coidado e acaído para a ocasión, incorporando solucións léxicas propias do Coutos. O autor escoita aquí o silencio perpetuo dos tres lugares -Santiago, Rubiás e Meaus- e dialoga co que aínda permanece deles, cos ecos que os ventos da historia deixaron que se perpetuase no que nos queda do Couto Mixto. Todo por xunto a través de seis seccións, precedidas dun haiku cada unha, que posibilitan articular un discurso emotivo, que non esquece a reividicación do territorio e o seu significado, onde repousa a voz íntima e senlleira do autor.

Nos poemas que alicerzan este libro agorma esa percepción recorrente da perda ou do desposuimento, do esquecemento e da destrución da identidade, mais ao tempo non se dá as costas a certa luz esperanzada no que está por vir porque ás veces cómpre seguir acreditando nas utopías para que se convertan en realidade. O Couto Mixto demandaba un libro de poemas para volver ollar cara a ese territorio único, símbolo do que puidemos ser.

 

 

 

Source: Caderno da crítica

2019-05-02T12:37:14+00:00 02 / 05 / 2019|Caderno da crítica|