Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única, de Xulio Pardo de Neyra

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única, de Xulio Pardo de Neyra

Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única, de Xulio Pardo de Neyra

Á sombra de M. Silgar.jpgXulio Pardo de Neyra

Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única

Edicións Embora, Ferrol, 328 páxinas, 22 €, 2019

 

Cumprirá prestarlle a atención que merece á figura e mais á obra de Carvalho Calero: historiador da nosa literatura, crítico, narrador, poeta, filólogo, profesor e tantas cousas máis, que protagonizará o Día das Letras Galegas 2020. Neste sentido, o primeiro libro que apareceu, case coincidindo co anuncio da decisión da Academia, foi Á sombra de María Silgar, subtitulado Carvalho Calero contra a historia única, que subscribe o profesor, narrador e investigador Xulio Pardo de Neyra.

Difícil é sintetizar en poucas liñas o contido dun ensaio heteroxéneo e de gran densidade debido á profusa documentación manexada e ao intenso traballo de interpretación que o caracteriza. Nel revélanse datos novidosos sobre Carvalho e o seu entorno e repárase na importancia que exerceu a familia política do autor ferrolán na súa obra, sobre todo, a súa muller: María Ignacia Ramos, escritora moi pouco coñecida aínda hoxe, que asinaba as súas obras co pseudónimo de María Silgar, con quen compartiu a súa vida desde a mocidade, alén da paixón pola vocación e práctica docente.

O traballo de Pardo de Neyra céntrase, aínda que non só, na análise das dúas novelas de Carvalho como foron A gente da Barreira e mais Os señores da Pena: pezas que transmiten as mudanzas que se operaron nunha clase social moi concreta como foi a fidalguía e que se analizan meticulosamente en todas as súas posibles dimensións.  Mais o obxectivo do libro, conseguido con creces, supera estes límites pois serpea, nun ir e vir continuo, por multitude de temáticas que van desde a devandita relevancia da xinea familiar, pasando polo documentado seguimento da biografía intelectual de Carvalho ou do que significou o colexio Fingoi por só citar tres exemplos, alén, claro é, de revelarnos -contra a historia única- quen foi Mª Ignacia Ramos, María Silgar: autora dunha obra literaria esquecida, cuxa dimensión creadora se recupera con xustiza.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 20 de setembro de 2019.

Source: Caderno da crítica

2019-09-21T11:05:35+00:00 21 / 09 / 2019|Caderno da crítica|