A sinfonía das San Lucas

A sinfonía das San Lucas

Cartel de Xosé Vizoso

Cartel de Xosé Vizoso

           A  Amancio Ares Rivas, dos Samordás, in memoriam

 

Nas memorias que teño a man non consta que san Lucas, que ademais de escritor de evanxeos, médico e pintor foi un gran viaxeiro, fíxese uso de cabalgadura nos seus frecuentes paseos canda san Pablo por Grecia e Exipto. San Pablo, antes Saulo, si usou montura como é ben sabido, polo menos ata o día da famosa caída no camiño de Damasco, suceso que nos fai dubidar da súa pericia como xinete pois, amais de deixalo cego, fíxolle mudar de relixión.

Porén, foi Lucas e non Pablo, mil anos despois, quen tivo a fortuna de darlle nome á feira cabalar máis antiga de todo o occidente cristián. Unha coincidencia que desde hai máis de 860 anos converte Mondoñedo estes días outonais nun curro urbano no que se citan a centos eguas, cabalos e poldros montaraces.

Duns anos para acó a entrada das bestas na cidade volveuse solemne, ritual. A cerimonia de recepción,  sempre o 17 pola tarde, esixe preparación. As greas acicálanse nos arrabaldes e o paseo que as conduce desde o barrio dos Muíños ata o Campo dos Paxariños semella, máis ca piso pétreo, pasarela de exhibición. Ao trote ou ao galope, por San Roque e a rúa Cunqueiro cara a Fonte Vella onde sempre é obrigada unha parada reparadora.

Hai unha coñecida fotografía de Cunqueiro montado nun cabalo cabo da Fonte Vella e da casa en que naceu. A fotografía tirouse no punto exacto onde el puido imaxinar a Alice, a viúva de Bath, chegar a Mondoñedo montada nunha egua, cuberta cun chapeu ancho de rodela e un mantón tapándolle os cadrís. Por alí tivo que pasar tamén o cabalo de Alberto Merlo, o que lía o xornal canda o amo, lugar probablemente onde tamén o propio Cunqueiro ponderou o perfume outonal da herba acabada de segar.

Estou convencido de que entre os équidos que desfilan polas rúas mindonienses andan camuflados algúns dos cabalos que trotan polas mitoloxías cultas e populares de antano e de hogano. Cabalos míticos, como Pegaso ou Arión, mitificados como Briador, Babieca, Bucéfalo ou Rocinante. Cabalos negros como o da Fiaña ou o de San Xurxo, brancos como o de Santiago ou os que se aparecen onde hai ánimas penando, cabalos unicornes, do demo e do inferno que botan laparadas de lume polos ollos e pola boca. E tamén, por que non, os velocísimos cabalos do Aire, do Vento e do Pensamento que aparecen no conto de Brancaflor. Eguas como as de Diomedes que comían carne humana, e sempre sempre os cabalos de cores azuis, verdes, amarelas ou vermellas que retrata Xosé Vizoso despois de mirar o mundo polos ollos de Franz Marc.

Desde a Fonte Vella a orquestra cabalar cruza pola praza da Catedral, as rúas Lence, Pacheco e Leiras para, desde a Fonte de san Xoán, Sabelo arriba, chegar ao seu destino por tres días, o Campo dos Paxariños.

Toda esa música dos cascos contra as pedras fende o silencio. O pavimento estremécese. Os pezuños baten, ora allegro, ora vivace, ora andante… O tempo márcao a batuta das emoción que todos os animais presentes, bestas e humanos, comparten.

Cando remate o concerto das San Lucas deste ano, a concorrencia regresa  aos seus laricos. Os humanos aos seus enredos cotiás e as greas á paz dos montes, que é alí onde, mentres disimulan o inverno ao abrigo de sebeiros e gabias, ensaian novos acordes para as San Lucas do ano que vén.

©Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2018-10-16T10:34:34+00:00 16 / 10 / 2018|Caderno de campo|