A peregrina gastrónoma, de María Canosa

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/A peregrina gastrónoma, de María Canosa

A peregrina gastrónoma, de María Canosa

A peregrina gastrónoma.jpgMaría Canosa

A peregrina gastrónoma

Somos Libros, Barcelona, 129 páxinas, 19 €, 2019

 

A cada vez máis próxima chegada do vindeiro Xacobeo 2021 constata a vagorosa aparición de diversos librosque  poñen o foco de interese nas múltiples posibilidades que encerra a súa realidade histórica e a súa celebración. Unha mostra desta tendencia é a publicación, no ámbito das guías, do título A peregrina gastrónoma: un traballo da escritora ceense María Canosa que conta con ilustracións de Miguel Cerro.

Velaquí un libro que, alén do seu coidado acabado estético, revela un intenso traballo de documentación, filtrado naturalmente para a ocasión, e paréceme que ideado baixo unha  perspectiva pouco convencional para este tipo de traballos, o que  inevitablemente a singulariza. Esta guía é, na realidade, un verdadeiro libro de viaxes que vai adquirindo forma baixo un fío argumental protagonizado por Tara: unha moza que, tras desembarcar no porto da Coruña, decide inesperadamente, e sen ter programado facelo, coller unha mochila e botarse a andar polo Camiño Inglés, talvez aquel menos explorado e transitado entre todos os posibles, sen esquecer percorrer e coñecer outros lugares próximos aos deseñados nas rutas tradicionais.

Será nese itinerario -aquel nos conduza en diversas xornadas desde propia cidade da Coruña a Elviña, do Burgo a Alvedro, de Cambre a Carral, de Aquelabanda ás Travesas, de Bruma a Outeiro para chegar, desde A Calle a Santiago- onde Tara se atope a si mesma, mais tamén será a ocasión propicia  para reparar na variedade da nosa gastronomía, para admirar os valores que constitúen o noso patrimonio natural e arquitectónico, para salientar a relevancia  que adquiren algúns acontecementos da nosa historia como son os Mártires de Carral ou o conflito das Encrobas, sen obviar a presenza constante da nosa  singularidade cultural na música, a arte ou, lingua, alén de espellar o intanxible que tamén latexa neste Camiño. Un convite, en suma, para camiñar e aprender.

 

Esta recensión publicouse, o 18 de outubro de 2019, na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia.

 

 

Source: Caderno da crítica

2019-10-22T14:39:50+00:00 22 / 10 / 2019|Caderno da crítica|