A NOVELA DO BISPO GONZALO ARIAS

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/A NOVELA DO BISPO GONZALO ARIAS

A NOVELA DO BISPO GONZALO ARIAS

San Gonzalo

Álvaro Cunqueiro

Edición e tradución de Teresa Monteagudo

Ir Indo Edicións, Vigo, 121 páxinas

(Libros de fondo)

 

En tradución de Teresa Monteagudo, Ir Indo Edicións rescatou para o lectorado galego un texto de Álvaro Cunqueiro, sen dúbida un texto menor, pero que se converte en importante por estar escrito por esa figura singularísima da nosa literatura. En efecto, San Gonzalo pertence á taleiga sen fondo de textos  de Cunqueiro aínda sen recompilar; textos escritos ou reescritos en castelán, e publicados  nesa lingua cos que o creador mindoniense sobrevivía á fame dos anos anos duros da posguerra. Asinado por Álvaro Labrada, un dos moitos pseudónimos que empregou Cunqueiro ao longo da súa vida, San Gonzalo apareceu publicado en castelán no ano 1945, editado pola Editora Nacional. Traducido no ano 2000 ao galego, significa a recuperación dun texto cunqueirán hoxe en día de non doada localización.

San Gonzalo é a historia /novela de Gonzalo Arias. Corren os tempos do latín místico, do século de ferro. A sede episcopal de Britonia, unha sede medio trashumante e que perderá o seu nome para tomar o dos monxes dumienses, fica vacante porque Rosendo deixa a súa cadeira para ir de abade a Celanova. Para substituílo, o pobo elixe a Gonzalo Arias, un fradiño de vinte anos que vira a Nosa Señora das Mazás na horta do mosteiro de Lourenzá, e escoitaba os violíns da corte celestial. Gonzalo será un bispo de comida sinxela e parva, amante do Ermo, a Tebaida de Ortigueira onde aprende a predicarlle aos peixes da ría, aos paxaros e animais da fraga, a vencer ao Demo máis de cen veces. E cando a onda viquinga, vermello e loito na súa divisa, escurece as costas lucenses e as xentes lle pregan a Deus aquel “a furore normandorum, libera nos domine”, a celeste e anxelical artillería afunde as naos dos guerreiros de Odín, respondendo ás oracións do bispo Gonzalo Arias desde a Agrela. A seguir, Gonzalo faise peregrino a Compostela, romeiro a Roma e palmeiro a Terra Santa, vivindo as fábulas da palmeiría a través dos camiños sombrizos ou desérticos e poirentos do ano mil, e entrando por veces en contacto coa materia de Bretaña ao atravesar a “douce France”, onde aínda resoa o eco do olifante de Roldán.

De Gonzalo fícanos a memoria dos seus sete milagres, a batalla naval contra os normandos, o baptisterio de San Martiño e un zapato branco con espigas de ouro bordadas, e que Álvaro Cunqueiro confesa ter collido e que agora ule a neftalina. Do intento biográfico do marabilloso fabulador mindoniense, o que fica é a novela dun santo e dun heroe popular do ano mil.

A potencia fabuladora de Cunqueiro que deixa as súas pegadas mesmo nun texto insignificante, reescribe, como xa dixen, a vida dun santo medieval nunha novela de corte marabilloso, na que páxinas e máis páxinas escritas desde o seu particular universo e querenzas narrativas, xúntase ao núcleo diexético orixinal, mesturando, coma sempre en Cunqueiro, o real e o lendario.

 

Álvaro Cunqueiro

Deste xeito, o que ao final reloce é toda a capacidade fantasiadora de Cunqueiro nunha mesturanza de fabulación e erudición, neste caso grazas sobre todo a una verdadeira enchente de textos litúrxicos e citas en latín. Por medio de trazos rápidos e seguros, a palabra de Cunqueiro recrea con grande vivacidade as idas, as vidas e os feitos milagreiros do bispo Gonzalo. Iso si, aconchegados polos rechouchíos  do xílgaro, do tordo malvís, dos arrolos da rula e o canto matinal e translúcido da laverca, xuntamente co aletear dos anxos de douradas ás e as visións de Nosa Señora das Mazás.

A tradutora foi quen de transplantar con propiedade á lingua de noso o léxico ricaz e moi variado que Cunqueiro emprega en castelán. E a versión non soamente se amosa atenta aos trazos lingüísticos, senón tamén aos xiros semánticos. Porén, unha nota de edición, ao meu entender responsabilidade da tradutora, pode sementar a confusión na mente dos lectores, ao dar fe da súa intención de conservar as voces típicas do léxico cunqueirán, alterando pola contra outros aspectos para acomodarse ás normas que entonces rexían da RAG / ILGA. Como se a edición estivese feita desde un orixinal galego que non existe en ningures.

Source: NOVENOITES

2018-01-19T20:54:30+00:00 19 / 01 / 2018|Novenoites|