A novela de Vilagarcía

A novela de Vilagarcía

O xardineiro dos ingleses

Marcos Calveiro

Editorial Galaxia, Vigo, 2017, 440 páxinas.

 

Marcos Calveiro, vilagarcián de nacemento que se deu a coñecer como narrador con pezas xuvenís e infantís, frecuenta asemade, e con éxito, a  narrativa para adultos (Festina lente, Setteccento e Fontán), con personaxes convertidos en dramatis personae ou que partillan trazos da chamada novela histórica. Mais con O xardineiro dos ingleses achéganos unha novela rica e complexa que ben pode ser lida como a novela de Vilagarcía, xa que na vila arousá está integramente ambientada a trama  desta peza narrativa e arousáns ou das súas contornas son os principais personaxes.Marcos Calveiro amosa neste longo relato a súa pericia e acuidade á hora de ganduxar unha trama na que se mesturan acontecementos de carácter histórico, algún cadro costumista, as pegadas que a vila deixou na nenez do autor, personaxes reais e outros inventados, moitas voces narrativas, realidade e ficción porque, como se di na mesma novela, as portas que pecha a historia ábrense coa ficción.

Cunha mestura oportuna de pasado e presente, a novela desprégase desde un incipit no que o narrador Modesto Filgueira,  profana un camposanto de Rubiáns, o British Naval Cementery, onde eran enterrados os mariñeiros británicos. Nese cemiterio atopa unha tumba anónima, a número 1. Desentrañar o misterio dese sartego e abranger as vidas de Delia Cores e a do seu fillo Edelmiro, o coidador dese camposanto durante cerca de setenta anos, é o propósito da novela. “Analizalas, explicalas, despexalas e resolvelas coma se fosen ecuacións”, contextualizadas así mesmo nun longo período de tempo que comprende boa parte do século XX. E faino desenvolvendo varias tramas nas que se dá conta da presenza das armadas inglesa a alemá na Arousa Bay pouco antes da Gran Guerra; a relación de James e Fritz, mariñeiro inglés o primeiro e alemán o segundo, con Delia Cores, unha moza da contorna; as liortas dos servizos de espionaxe das dúas potencias navais durante a contenda na que volven aparecer os dous mariñeiros, así como Delia que, como froito da paixón amorosa con James, ficará preñada e da que nacerá Edelmiro. Por último dous longos capítulos nos que a trama se focaliza no “tempo dos vencidos”, na infamia e na barbarie fascista, na morte que arrasou Vilagarcía, cebándose nos máis humildes. Entremedias, moitas referencias a personaxes e a acontecementos reais relacionados coa vila, como a Compañía de Ferrocarril dos Trulock, a estadía de Sorolla intentando pintar a moza grávida, a presenza de Lorca e La Barraca que representan entremeses cervantinos en A Peixería. E sobre todo, moitos episodios de altruísmo, camaradería, enfrontamentos, aldraxes e vinganzas.

 

Marcos Calveiro

Son elas e eles, os de abaixo, os máis humildes, as ducias de figurantes anónimas, a Vilagarcía doente, os verdadeiros protagonista da vida e do romance de M. Calveiro. As dúas Vilagarcías, a dos acomodados e madamas e a dos humildes, a das lavandeiras do río Con e a dos analfabetos que se preguntan que fixeron para seren as vítimas da barbarie fascista, dunha xustiza que nunca existiu e que, por iso mesmo, deu lugar a unha vinganza teimosa e inexorable.Marcos Calveiro retrata sobre todo a historia deses perdedores nunha novela comprometida con realidade, tomando partido polos inmolados e as vítimas. É entón cando o estilo dunha prosa coidada e sinxela rebenta  en bríos épicos para nos achegar a epopea das mulleres insignificantes, afoutas na súa desgraza. Novela cunha arquitectura moi rica: lineal e ao mesmo tempo circular, con varias historias que non coliden e se xuntan dalgún xeito no peche da peza e da que non están ausentes algunhas digresións metaliterarias

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo, o día 25 de xaneiro de 2018)

Source: NOVENOITES

2018-01-26T21:45:21+00:00 26 / 01 / 2018|Novenoites|