A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo

A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo

Xabier P. DoCampo

A nena do abrigo de astracán

Xerais, Vigo, 400 páxinas, 19 euros, 2017

 

Ningunha obra literaria é inocente, nunca o é, nunha ou noutra dimensión. Tras O libro das viaxes imaxinarias (2008) e O país adormentado (2012) abrazo a convicción de que Xabier P. DoCampo segue a manexar con habilidade esa rara virtude, por infrecuente, de converter as súas pezas narrativas en propostas susceptibles de moitas lecturas e interpretacións, todas elas diversas e lexítimas segundo quen se achegue a elas, claro é, mais en todas elas a historia que se relata atesoura sempre algo máis.

         A nena do abrigo de astracán, ao meu ver, así o testemuña e ese é un dos seus grandes méritos. O libro, feito a lume manso e contado maxistralmente cunha voz que se corresponde á vila na que acontecen os sucesos e que, ao tempo, é coral, pódese ler como unha novela que retrata a vida cotiá dunha vila galega da posguerra pero difícil é quedar nesa lectura aséptica pois a súa plasticidade e honestidade atrapa axiña o sentimento de quen se achegue a ela: actívanos e promove a nosa participación. Poboada con personaxes sólidos difíciles de esquecer, aliméntase de múltiples historias aínda que a substancial pivote arredor das vivencias dunha nena que sofre en carne propia un estado de cousas que non chega a comprender e será no cine onde atope acougo ao seu espírito,  arte á que se lle tributa unha homenaxe extraordinaria a través de sete escollidos títulos clásicos que balizan a estrutura do libro e que se converten en relatos acaídos a cada momento e intensidade da historia. Sería inxusto non destacar, amais do rexistro expresivo envexable, como DoCampo fai que vexamos con naturalidade cousas máxicas que poden ocorrer cun espello no que se mira unha nena ou como nos faiados das casas de Ribadaínsua –territorio que xa acada o rango de espazo literario singular- hai voces, conciencias e presenzas dos xa non están pero están. DoCampo, en fin, constrúe un mosaico con teselas que teñen escritas palabras como son  poder, silencio, abuso, indiferenza, medo, violencia, escurantismo, impunidade, insensibilidade diante da dor e tamén condición humana e dignidade. Todo esencializado cando se alude á imaxe dun ovo: o ovo do medo que se choca e do que sae o mal.

            Na presentación dun libro seu o autor afirmaba que ler era conquistar unha illa misteriosa. Arremedando a súa sentenza a lectura deste libro supón, talvez, conquistar e entender o noso pasado, de onde vimos, como pesa a historia en nós e con canto silencio houbo que vivir. Eu animo, vivamente, a coñecela.

 

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 15 de decembro de 2017.

 

Arquivado en:Crítica literaria, Literatura galega, Novela Tagged: A nena do abrigo de astracán, Fugas, La Voz de Galicia, Xabier P. DoCampo, Xerais
Source: Caderno da crítica

2017-12-19T17:30:23+00:00 19 / 12 / 2017|Caderno da crítica|