A Liga da Xustiza Pirola

A Liga da Xustiza Pirola

A Liga da Xustiza Pirola é unha organización secreta, mais non os seus feitos. Se esperades ver unha escena como esta…

Abran a porta á L.X.P.! Nesta casa estase a socavar unha masculinidade!

…sabede que non vai acontecer. Os seus métodos son outros, máis 2.0. Arrincan pelos do peito e convértenos en frechas dixitais, en dardos de xustiza pirola. Se falas con eles son máis feministas que ninguén. Iso si, feministas sensatos. Mesmo presumen de ter amigas mulleres (feministas de verdade) dispostas a corroborar anonimamente as súas opinións.

Membros da L.X.P. executando un castell.

A Liga da Xustiza Pirola acepta sen problemas a crítica, mesmo a agradece. O coñecemento das propias fraquezas é o camiño cara á excelencia (xa o dixo Confucio, outro home). Mais ollo! Acéptaa sempre e cando sexa a valoración fraternal doutro home. Se é unha muller quen emite a crítica, faino porque gusta de atacar os homes, porque pertence a un lobby, porque é unha fanática, porque é unha histérica, porque é unha mediocre, porque responde a intereses escuros.

E ti, xa es do clube?

Aos virís membros (ou membros virís) desta Liga móveos un sentido universal de xustiza. Se usan a falacia, o acoso, o insulto ou a vexación, hai que lembrar que o fan por unha causa nobre. Eles son soldiers of freedom a loitar contra as talibás lilás (tamén coñecidas como talilás). Afirman combater a corrección política, o bempensismo e a mediocridade xeral que os arrodea.

Hai quen afirma, con noxenta malignidade, que só se trata dun “non me pises o freghado” de manual. Mais iso, amiguiño, sonche cousas das feminazis.

Source: O Lugar do Sapo

2017-10-12T13:42:05+00:00 12 / 10 / 2017|O Lugar do Sapo|