A ledicia de ler, de Carlos Casares

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/A ledicia de ler, de Carlos Casares

A ledicia de ler, de Carlos Casares

Carlos Casares

A ledicia de ler

Galaxia, Vigo, 824 páxinas, 30 €

 

O Día das Letras do ano pasado, dedicado a Carlos Casares, deixounos reedicións dalgunhas obras, cumpridos estudos literarios e mais algún rescate imprescindible da súa obra.

Neste último ámbito cómpre consignar, entre os máis salientables para min, a presente compilación que recolle as colaboracións que o autor ourensán publicou nas páxinas do suplemento Artes y Letras de La Voz de Galicia ao longo do período que vai de 1975 ata 1992. A primeira sensación que se percibe ao ter o libro nas mans é a da monumentalidade que desprende un traballo que, ao longo de case vinte anos, Casares sostivo permanentemente para promocionar e analizar o libro galego ou sobre Galicia aínda que non só pois son diversas as colaboracións nas que se detén noutros aspectos, nomeadamente sobre a propia lingua galega e a súa saúde. Un corpus rescatado en forma de libro realmente sorprendente tendo en conta que Casares compatibilizaba este labor co da creación da súa obra narrativa e ensaística e mais con outros cometidos profesionais pois os máis dos textos, sobre todo os dunha primeira etapa, van máis alá do que se podería cifrar como unha crítica ao perfilarse, desde os ollos actuais, como unha extensa e exemplar lección de erudición e documentación.

Non dubido en cualificar este como un libro importante, prologado pola profesora Dolores Vilavedra que apunta con pertinencia «á paixón lectora» e á «vontade comunicativa» como forzas motrices destas iniciativas, ademais do feito de que estes textos conectan, indubidablemente, coa sección posterior que abrazaría no xornal baixo o título de Á marxe. A relevancia deste libro, para hoxe e mais para investigacións a realizar no futuro mercé uns utilísimos índices, alén de confirmar esa fasquía de Casares como lector impenitente e como divulgador -nunca se viu a si mesmo como crítico, aínda que no fondo a súa achega a este ámbito se revele como fundamental-, descansa, ao meu ver, en dous factores: o primeiro atinxe á construción do propio texto crítico baixo os criterios da claridade expositiva, a dicción brillante e a contundencia na opinión cando era preciso, entendendo cada achega coma se fose un breve exercicio narrativo inspirado nunha publicación; o segundo apunta, sobre todo nas colaboracións que viron a luz ata finais dos anos oitenta, ao necesario fomento da lectura e do libro galego que, por extensión, canoniza algunhas obras e evoluciona desde as achegas expositivas máis extensas ata as da última época dominadas pola vontade sintética. Nunca se pode ser absolutamente independente nin aséptico cando se emiten opinións literarias, e así o recoñecía o propio Casares nun artigo.

Deste xeito, nestas páxinas evidéncianse lícitos posicionamentos a prol dunha creación, por exemplo, que cultive a forma e non exclusivamente a ideoloxía mais tamén se revela a ollada comprensiva e alentadora diante de moitas óperas primas e mais a atención garimosa e continuada ás voces clásicas ou contemporáneas de alguén que non entendía a vida sen lectura nin comunicación.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 9 de febreiro de 2018.

Source: Caderno da crítica

2018-02-10T07:56:04+00:00 10 / 02 / 2018|Caderno da crítica|