A "IV Festa das Palabras" da Estrada, todo un exemplo.

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/A "IV Festa das Palabras" da Estrada, todo un exemplo.

A "IV Festa das Palabras" da Estrada, todo un exemplo.

Os equipos de dinamización lingüística dos centros educativos da Estrada , convocaron o IV Concurso de micropoemas e microrrelatos para nenos e nenas destes centros para nenos e nenas de Primaria e Secundaria.

     Foi unha convocatoria que tivo un alto número de participantes e acadouse un nivel francamente positivo.
      
Faro de Vigo

Tiven a sorte de apadriñar a toda esta rapazada nun acto que se celebrou no Teatro Principal da Estrada o pasado día 6 de xuño e que foi moi entrañable e vistoso, con poesía e música coral que chegou a emocionar os asistentes.
     

Con David Otero antes do acto


     Para este evento, seguindo a liña marcada polos anteriores padriños (Xabier P. DoCampo, Fina Casalderrey e David Otero) escribín unha carta a eles e elas dirixida coma afillados meus que son.
     


     Para quen teña a curiosidade de saber o contido do que se lles dixo, “Versos e aloumiños” publica o discurso integramente. Podedes lelo deseguido.
      

QUE NON NOS ROUBEN NUNCA AS PALABRAS
(Unha carta a uns nenos e nenas que escriben os seus soños)


Meus prezados afillados e afilladas:

Hai algo máis fermoso que chamar a un proxecto “Festa das palabras”? Penso que non. Porque a palabra é dardo, é bico, é aloumiño, é crítica, é saudade, é agarimo, é disparo, é esperanza, é loita…
Non llelo digades a ninguén, pero cóntovos que nos encontros que fago por todas partes sempre pregunto cal é a miña palabra favorita. Moi poucas veces acertan. Alumnos e alumnas coma vós din unha chea de palabras fermosas: amor, verso, poesía, libro, bico… e un longo etcétera de vocábulos. Despois de escoitalos sorrío e dígolles: a palabra que máis me gusta, que me emociona, é a palabra PALABRA. Fican algo desconcertados e explícolles que con esa fermosa palabra poden expresarse todos os sentimentos, actos e ideas que acaban de dicir e moitos máis.
Recibín hai uns días o libriño “2017. IV Festa das palabras”. A emoción que sentín tras lelo resulta difícil de explicar. Digo decote que a escola non está para facer narradores nin poetas. Que a escola está para facer persoas que non se desenvolvan de costas á literatura, persoas que se acheguen a ela para gozar do que expresa, persoas, en definitiva, que amen a literatura.
Ben, pois tras ler todos estes textos da “nosa festa das palabras” non me queda máis remedio que felicitar os equipos de dinamización lingüística dos centros educativos da Estrada polo esforzo e os obxectivos que se propuxeron. Obxectivos, todos eles, totalmente acadados.

Nestes textos hai moito amor á palabra.
Hai moita emoción poética e narrativa.
Hai moito agarimo condensado nos escritos.
Hai moitas lecturas detrás.
Hai moito labor ben feito detrás destas preciosas mostras.
Hai moita beleza, moita delicadeza, moita observación nelas.
Os mediadores e mediadoras fixeron un traballo extraordinario. Un traballo que loce e, o que é máis importante, un traballo que deixa pegada.
Parabén a eles e a elas. Parabéns a vós.
Meus prezados afillados e afilladas, na vosa actitude positiva está a esperanza de que a normalización do galego sexa un feito.
Os idiomas precisan da palabra oral. En galego temos proxectos sólidos, unha literatura excepcional e outros valores, pero as cousas non vos son doadas. Para que o galego se instale nesta sociedade tan complexa precisamos que se fale, que non se substitúa, que teña prestixio. E sodes vós, os rapaces e rapazas de hoxe os que podedes coller o temón da dignidade lingüística.

Non esquezades o moito que nos xogamos.
Escribides de marabilla. Falade un día si e outro tamén na nosa lingua. Sentide nela. Vivide con ela.
Volvo felicitarvos polos vosos traballos literarios.
Sodes un orgullo para a nosa cultura.
Representades o mellor da comunidade escolar á que pertencedes.
Seguide a escribir.
Seguide a ler.
Seguide tendo os ollos abertos, os oídos atentos para saber o que ocorre arredor de vós.
A vida, todo o que vos rodea e conmove e as lecturas intelixentes que fagades serán a fonte onde debades beber para seguir medrando literariamente ao tempo que crecedes coma persoas.
Non permitades que nos rouben as palabras. Son nosas. Alfaias prezadas de cada un de nós.
O poeta Bernardino Graña dixo nun poema nunha ocasión:
O vento levou follas e palabras, / levou rumor e ruído.
Eu tomei estes versos e fixen a miña homenaxe particular a esas palabras que ás veces nos rouban os malos ventos que sopran de mil maneiras.
E escribín:
Que as traia de novo,
que quero berralas
que quero dicilas
ben forte as palabras.
Levounas o vento
a cambio de nada.
Deixoume unhas follas,
rumores, borralla.
Palabras fermosas.
Palabras gastadas.
Palabras. Palabras.
No vento zoaban.
Coa palabra na man, no corazón, na esperanza coma ser humano, envíovos bicos e versos e palabras para que endexamais as leve o vento.
Que permanezan sempre con vós.
Precisámolas.

La Voz de Galicia


Aos 62 gañadores deste concurso agasallóuselles un libriño coas súas composicións.
     



O acto non puido rematar dun xeito máis emocionante: o Coro do IES  “Antón Losada Diéguez” interpretou a mítica canción de John Lennon, “Imagine”,  en inglés e recitada en galego.
Podédelo escoitar e ver no seguinte vídeo:

     

Parabéns por esta fermosa iniciativa.


El Correo Gallego

                                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

Source: Versos e Aloumiños

2017-06-17T17:46:00+00:00 17 / 06 / 2017|Versos e aloumiños|