A INVENCIÓN DA COMPOSTELA LITERARIA

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/A INVENCIÓN DA COMPOSTELA LITERARIA

A INVENCIÓN DA COMPOSTELA LITERARIA

O espello no serán

Ramón Otero Pedrayo

Introdución se Xosé M. Salgado

Estudo lingüístico de Mónica Góñez

Editorial Galaxia, Vigo, 400 páxinas

(Libros de Fondo)

 

Hai arestora cerca de dezaoito anos que Editorial Galaxia publicaba, na súa colección literaria, o número 14 das obras de Otero Pedrayo, extraendo dos seus fondos este novo libro do patriarca das nosas letras. Unha edición con introdución de Xosé M. Salgado e estudo lingüístico de Mónica Góñez, e que toma como base o texto publicado en 1966 co título orixinal O espello na serán. Entre o Pedroso e o Viso.

Otero Pedrayo foi o máis significado referente cultural galego do século XX. Grande narrador, polígrafo verdadeiro, patriarca das nosas letras, figura cimeira da cultura galega, memoria de todas as cousas… son algunhas das cualificacións coas que se acostuma celebrar a súa figura. Con todo, a súa influencia literaria directa foi mínima. Otero foi un símbolo moi admirado no se tempo, mais pouco lido. O mesmo Xosé Luís Franco Grande recoñece que os mozos da súa xeración, sobre os que tanto influíu don Ramón Otero Pedrayo, coñecían unicamente os seus libros “máis lexibles”.

A complexidade lingüística de Otero afianzou o tópico, hoxe en día en plena vixencia, de ser o polígrafo ourensán un autor dunha escrita difícil. Segue a ser, pois, Otero Pedrayo, demasiado descoñecido, circunstancia á que contribúe a dificultade para acceder as súas obras.Coas edicións que fixo Galaxia mitigáronse, en grande medida, estes atrancos, aínda que de xeito, ao meu entender, demasiado lento para poder dispoñer das obras de Otero, pois, feita excepción de Arredor de si e de Os camiños da vida, non existían reedicións das súas obras ata esta colección de Editorial Galaxia.

O espello no serán cómpre incluílo na relación de textos de Otero Pedrayo aos que o lector galego non tiña acceso. Cómpre presentalo, así mesmo, como un modelo daqueles libros nos que se rachaban as fronteiras entre os xéneros (narrativa e ensaio sobre todo), actitude moi propia da escrita de Otero. Ao igual que algún outro libro, O espello no serán é unha publicación de temática emotiva, recreación lírica e erudita de espazos amados, neste caso, de Compostela. Con efecto, Compostela foi a grande paixón de Otero Pedrayo; unha cidade cunha marcada presenza nas súas obras. Desde a súa primeira viaxe a Compostela, confésao el mesmo, Otero Pedrayo, establece coa aldea das estrelas, unha sorte de desposorio de por vida. Xa que logo, O espello no serán é por excelencia a invención da Compostela literaria, plasmación da comuñón co espírito da cidade única que don Ramón acada nos seus anos de catedrático de Xeografía,  a través das camiñadas nocturnas e das subidas matinais á Facultade desde a Rúa Nova, por tras de Salomé.

Mais ¿Qué é O espello no serán? Un libro de non doada adscrición a un xénero concreto, de condición indefinible, apreciación na que coinciden todos os críticos e historiadores, empezando pro Carballo Calero.

Noventa e nove pequenas prosas que non son só ensaio nin só narración. Un libro, pois, permeable, de lindeiros moi elásticos. Unha rachadura de xéneros por onde se zafa e emerxe á superficie a enorme creatividade do polígrafo ourensán. Nesas noventa  e nove secuencias, ao xeito dun espello, reflíctese, toda enteira, Compostela: pequenos textos enteiramente narrativos, bosquexos dramáticos, evocacións literarias, mínimas biografías noveladas verbo dalgúns personaxes cimeiros da cidade, e textos ensaísticos,se ben sen perder os mesmos a presenza de elementos líricos e emotivos.

Todas as concepcións que Otero ten da cidade, deixanse ver no azougue das súas prosas. A aldea de Galicia, encontro de todos os camiños, a cidade-divisa da Galicia universal, a cidade das estrelas, xacobea, símbolo da galeguidade. E, entremedias, as visións emotivas, se ben bastante tópicas, da cidade. “Compostela fina, solerte e vagorosa escola de nubes”, porque en Compostela ponse de manifesto un amor pola pedra: “A auga tolea pola pel de pedra da cidade como pola grande e rara flor ensoñada e chove en Compostela unha chuvia de bicos, de apertas, de  salaios”.

 

Ramón Otero Pedrayo

 

Como xa quedou apuntado, a presente edición toma como base o texto do ano 1966, aínda que non é idéntica ao mesmo, pois, tanto nos aspectos gráficos como morfogramaticais e léxicos, Mónica Góñez realizou un labor lingüístico que ten como finalidade conservar a idiosincrasia  característica de Otero, e, ao mesmo tempo, sistematizar, regularizar as escollas e puntuar axeitadamente o texto de Otero para facelo máis accesible ao lector, e conformalo asemade coa corrección lingüística actual.

Hai quen opina que é unha ruindade atreverse a puntuar, corrixir ou trocar o léxico de don Ramón. Mais, tendo en conta a complexidade lingüística da escrita oteriana e a sensibilidade e cordura coas que a correctora realizou o seu traballo, debemos recoñecer que O espello no serán segue sendo un libro que recende a don Ramón por todos os seus poros, e nos mesmo certamente a cunha vieira e o seu belido símbolo seguen trocando en cada páxina a cidade histórica en cidade poética.

Source: NOVENOITES

2018-03-28T19:02:09+00:00 28 / 03 / 2018|Novenoites|