A hora de espertarmos xuntos, de Kirmen Uribe

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/A hora de espertarmos xuntos, de Kirmen Uribe

A hora de espertarmos xuntos, de Kirmen Uribe

Kirmen Uribe

A hora de espertarmos xuntos (tradución de Isaac Xubín)

Xerais, Vigo, 360 páxinas, 22 €, 2017.

 

Probablemente non sexa máis ca unha coincidencia feliz que o premio da crítica española do ano pasado na súa modalidade en galego, Isaac Xubín, sexa o excelente tradutor do premio da crítica española na modalidade en eúscaro que se lle outorgou a esta novela. Sexa como for,  A hora de espertarmos xuntosacusada de adoutrinamento en lecturas ao meu ver un tanto distorsionadas, atesoura valores literarios que a converte nunha proposta moi a ter en conta pois, ademais, fala de feridas, aínda abertas, e dunha manchea de esperanzas.

Uribe, coñecido en galego a través de Bilbao-New York-Bilbao (Xerais, 2010), segue a transitar por camiños singulares que exploran, se cadra nunha medida máis cautelosa, novas perspectivas de narración. Neste caso abéirase á idea de construír unha ficción procurando a confluencia entre unha historia de xinea familiar que agroma nas instancias do amor e outra de gran calado que se asoma a cincuenta anos da historia vasca, mais tamén española e europea, do século XX. Para iso asenta o argumento desde unha idea inicial como é a existencia dun cadro de Antonio Guezala onde repousan certas incógnitas que se irán, aos poucos, desvelando. É aí onde encaixan a biografía de Karmele Urresti, unha enfermeira afouta e intelixente, e a do trompetista Txomin Letamendi, convertido en espía ao servizo do Goberno vasco no exilio. Estas dúas persoas, xunto con outros actantes do clan familiar ou do ámbito das amizades, e inimizades, son retratadas con pulso firme e condúcennos con verosimilitude polas reviravoltas, moitas delas inesperadas, que protagonizan entre as que se contan as vivencias do exilio en Venezuela, os padecementos sufridos no cárcere, a persecución da propia lingua, a resistencia contra o franquismo ou o nacemento de ETA, entre outras. Mais a proxección íntima e histórica do argumento, ambiciosa de seu, alóngase en multitude de frontes. Ao tempo, a novela incorpora numerosos textos de carácter documental e outras informacións recabadas oralmente no que entendo como un recurso atractivo e vivificador: convoca a apertura do xénero cara a outras fronteiras e procura outros horizontes renovadores para ir, sempre, máis alá.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 22 de setembro de 2017.

Arquivado en:Crítica literaria, Literatura galega, Narrativa, Tradución Tagged: A hora de espertarmos xuntos, Isaac Xubín, Kirmen Uribe, Xerais
Source: Caderno da crítica

2017-09-25T19:30:11+00:00 25 / 09 / 2017|Caderno da crítica|