A fita azul, de Mon G. Buhigas

A fita azul, de Mon G. Buhigas

PACKSHOTFRONTALMon G. Buhigas

A fita azul (ilustracións de Ana G. Buhigas)

Galaxia, Vigo, 64 páxinas, 17,50 €, 2019

 

A fita azul é un libro dun poeta, un poeta de quen lera hai algúns anos un libro estimable como é Doce. E nesa liña A fita azul é un libro dun poeta que, nesta ocasión, atopou acobillo en prosa; un libro moi singular que non merecería pasar desapercibido dentro da enxurrada de publicacións que nos últimos tempos ateigan as mesas de novidades.

É posible que o seu formato e mesmo as expresivas e coloristas ilustracións que incorpora poidan conducir a entender esta proposta como un libro para un lectorado en formación. Non é así. A fita azul articúlase como unha viaxe que nos leva da man dunha fita, sempre presente en cada un dos fragmentos narrativos que se iluminan cunha extraordinaria potencia visual. Neles, atopamos tecedores e tecedeiras de soños que transmiten a súa fe no propio ser humano, nas súas ilusións e esperanzas, na lectura e especialmente no valor da poesía, na música como lugar de encontro, nos principios da ecoloxía como inalienables, no valor da solidariedade, na importancia de saber escoitar, no teatro que fai deste mundo algo mellor, no inefable que poden encerrar algunhas persoas, nas mestres e mestras que aínda conciben o seu traballo como un desafío diario no que melloran persoalmente e tentan mellorar o mundo, nas voces das persoas que crean, coa palabra, universos novos…, tamén nos perigos que nos axexan.

Hai máis cousas, non teño dúbida, neste libro que deixa un pouso optimista, que convida se cadra a ver as cousas doutro xeito. Convido a entrar nel pois dificilmente non se atopará un texto para reflexionar: algo sempre tan necesario.

Source: Caderno da crítica

2019-10-22T20:59:05+00:00 22 / 10 / 2019|Caderno da crítica|