A BUTACA DO LECTOR (3): "Nunha pensión alemá", de Katherine Mansfield

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/A BUTACA DO LECTOR (3): "Nunha pensión alemá", de Katherine Mansfield

A BUTACA DO LECTOR (3): "Nunha pensión alemá", de Katherine Mansfield

O lector encontrou este libro no Culturgal e decidiu mercalo para ler a Katherine Mansfield en galego. Ten os seus relatos completos en castelán pero precisaba sentir o seu espírito no noso idioma.

      “Nunha pensión alemá” é o título do libro en cuestión e abofé que ao lelo non pode menos que sentirse nun balneario (a idea orixinal)  xunta esta autora neozelandesa, protagonista- narradora, segundo deduce, do que nel acontece.
     
     

O lectorsemella estar sentado canda ela vendo, escoitando ,e ás veces, comprendendo, as persoas que por alí aparecen. Sentado e en silencio, cos ollos moi abertos e os oídos ben atentos detense nos aires e desaires, os desdéns, os intereses, as conversas afiadas… das personaxes que non está moi seguro de que sexan felices. El si. Gusta de observar comportamentos humanos por moi estrambóticos que sexan ou parezan. E faino, xunto á autora, coa mirada crítica, ás veces ferinte, e outras compasiva, a chea de incongruencias sociais que se desenvolven nos relatos. O lector cala e pensa. Analiza e comprende. Séntese a un tempo fóra e dentro dun mundo conservador que se guía polas convencións da época. Escoita a narración destes relatos moi ben escritos, con mesura. É consciente de ser un espectador privilexiado da comedia humana.Percibe a tenrura que posúen. Decátase dos sarcasmos e os moitos matices que os adornan.

       
     O lector, que tamén ten contradicións (e moitas), constata a natureza contraditoria e voluble dos seres humanos. E goza da madurez con que a Mansfield narra ,cun estilo directo e austero , estas historias malia ser, pensa, a súa primeira obra. E non pode menos que dicir en voz alta: Que complicados somos! cando se mergulla no anecdotario da vida nunha pensión cuxos hóspedes forman un retablo variado de comportamentos e siltuacións.
     O lector, persuadido por certo ton poético do libro, non deixa de evocar dúas liñas fermosas que, nun dos relatos, Fraülein Sonia lle di a Herr Professor nunha pregunta que deixa no aire: “Hai anduriñas no ceo; son como unha pequena bandada de pensamentos xaponeses, nicht wahr? E o valor simbólico destas palabras leva a pensar ao lector nos haikus que tanto lle agradan.

É a maxia da literatura.

Source: Versos e Aloumiños

2019-09-09T20:43:00+00:00 09 / 09 / 2019|Versos e aloumiños|