A BUTACA DO LECTOR (2) "Hotel para coleccionistas discretos", de Diego Giráldez.

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/A BUTACA DO LECTOR (2) "Hotel para coleccionistas discretos", de Diego Giráldez.

A BUTACA DO LECTOR (2) "Hotel para coleccionistas discretos", de Diego Giráldez.

Ao lector xa lle gustara moito Galería de saldos e comprobou axiña
que Diego Giráldez tiña moito que dicir no panorama da nosa literatura. Tiña talento. Diso estaba convencido.
     
     
     Con Hotel para coleccionistas discretos, sentiu que o autor lle daba uns golpes poderosos cunha novela coral e rebordante. Sentiu unha alarma indefinida cando avanzaba polas súas páxinas. O lector entendeu as situacións e os comportamentos dos personaxes como aguilloadas que non o deixaban indiferente. Todo o contrario: cada capítulo deixaba nel pegadas profundas malia a aparencia humorística que posuían. Notou a crítica duns arquetipos ben coñecidos nesta nosa sociedade tan desapiadada. Tan desquiciada.  E iso gustoulle.
     
     Nada do que acontece nestas páxinas é certo e, á vez, tamén o é. Revestida de humor, esta novela pareceulle ao lector moi cruel. Antollos desmedidos que describen perfectamente a loucura social que o lector ía descubrindo capítulo a capítulo e proían na súa pel.
     
     Sentiu que lle doía o corazón mentres lía. Que odiaba e amaba a tolemia que envolvía uns seres que non puñan límites ás súas vidas. Dábanlle ganas de rexeitalos, pero comprendía perfectamente a necesidade de observalos algo máis polo miúdo. Provocábanlle ira e, ao tempo, entendía o papel que desenvolvían nunha trama ben pensada.
     
     Cun ritmo vertixinoso e unha expresividade moi viva, o lector gozou da novela e quixo comprender os personaxes. Demasiadas veces, non foi quen. Intuía un final que non sabía se chegaría a producirse. Quería desconectar ben veces, pero non lle era posible. A forza narrativa, a ironía que contiña, os actos que sucedían dun xeito vertixinoso, déronlle ao lectoros azos precisos para continuar e, ao mesmo tempo, sentirse atrapado nun cárcere de sentimentos contraditorios.
     
     Ao rematar o libro, o lector respirou e un certo abatemento apoderouse del.
     Coa novela xa pechada farfallou en voz baixa: Como a vida mesma.


Source: Versos e Aloumiños

2019-08-02T20:20:00+00:00 02 / 08 / 2019|Versos e aloumiños|